-Resolución dos galardóns de literatura dramática Álvaro Cunqueiro, Manuel María e Barriga Verde

Marcos Abalde coa obra A cegueira e Paula Carballeira co texto O refugallo son os gañadores, respectivamente, do XX Premio Álvaro Cunqueiro para textos teatrais e do VI Manuel María de literatura dramática infantil. Ademais, o xurado da edición 2011 dos galardóns de literatura dramática que convoca a Agadic resolveu declarar deserto o IX Barriga Verde de textos para teatro de monicreques nas súas modalidades para públicos infantil e adulto.


XX PREMIO ÁLVARO CUNQUEIRO PARA TEXTOS TEATRAIS

Obra: A cegueira
Autor: Marcos Abalde Covelo

A obra
Apuntamentos do xurado:
Salienta o xurado a aposta arriscada de A cegueira en favor dun teatro poético, de gran calidade literaria, que entronca coa tradición do grotesco, da crueldade, tan frutífera na escena galega e europea.

O texto destaca por ofrecer unha visión persoal, mesmo transgresora, novidosa no panorama actual, que concibe a creación teatral dende o punto de vista do mito e do absurdo da existencia contemporánea. Supón, por outro lado, un desafío para a posta en escena polo seu carácter aberto e imaxinativo, non oposto á súa viabilidade escénica.

Apuntamentos do autor:
A cegueirapresenta un territorio devastado pola guerra, onde os personaxes participan nunha cerimonia do horror. O Rei Nu atravesa Palestina, olla o rostro das vítimas e vaise afundindo na historia de humillacións dun pobo que está a ser exterminado. Ninguén pode fuxir desta eucaristía. O Rei Nu é traizoado e a cegueira imponse de novo. Marta e María non deixan de cavar. O Padre decreta o vómito sobre a carne humana excentaria. Xudas e Barrabás odian os seus papeis e, con todo, expanden a amnesia do cancro. A xestión da barbarie vira norma sagrada.

O autor
Marcos Abalde Covelo (Vigo, 1982) obtivo en 2008 o XI Premio Josep Robrenyo, convocado pola Associació d’Investigació i Experimentació Teatral (AIET) de Cataluña e aberto ás catro linguas do Estado, pola obra Canibalismo. En 2010, a editora independente Estaleiro publica este texto, que fica finalista dos premios da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG).

Asemade, ten publicado as seguintes pezas na revista Casahamlet: Eugenesia, Liturgia de Jerusalém e Welcome to Lampedusa. En 2011 faise co VII Premio a artigos xornalísticos normalizadores do Concello de Carballo.


VI PREMIO MANUEL MARÍA DE LITERATURA DRAMÁTICA INFANTIL

Obra: O refugallo
Autora: Paula Carballeira

A obra
Apuntamentos do xurado:
O xurado destaca de O refugallo o coñecemento que demostra do oficio teatral, un texto xeneroso cos oficios da posta en escena, sobre todo no escenográfico e na dirección escénica. Conxunta a diversión cun certo didactismo e presenza de valores útiles para a reflexión crítica sobre a sociedade de consumo. Unha obra moi ben articulada, que define á perfección os caracteres dos personaxes, e de ritmo moi dinámico, que a fai especialmente viable para unha posta en escena para a infancia e a xuventude.

Apuntamentos da autora:
Isolda ten un libro de viaxes; Hipatia, un telescopio; Borboronte, unha tartaruga (aínda que as tartarugas non se teñen, só están contigo), e Lustucrú, unha pata de pau. Os catro viven no refugallo, co que ninguén quere. Os catro xogan xuntos a crear un mundo novo a partir do mundo vello e roto da súa contorna, porque son nenas e nenos, e saben ver as cousas doutra maneira.
 
O refugallo trata sobre a capacidade de fabulación que nos fai transformar a realidade, recreala e reinventala, coma o mesmo teatro, que lles dá vida a obxectos e personaxes que ata o momento da representación non existían para o público.
 
 A autora
Paula Carballeira (Fene, 1972), dedícase profesionalmente ao teatro e á narración oral dende o ano 1994 e é autora de numerosos títulos de literatura infantil e xuvenil en galego, moitos dos cales contan con traducións a idiomas como o castelán, catalán, vasco, inglés, portugués e mesmo coreano: A percura, Robin e a Boa Xente; Troulas, andainas, solpores e unha farsa anónima, Olo-iepu-iepu, Un porco e unha vaca xa fan zoolóxico, Mateo, Paco (Premio Lecturas 2001), Correo Urxente (Premio Lecturas 2003), O ganso pardo, A era de Lázaro, Contatrás, Smara (premios White Raven e Isaac Díaz Pardo), O lobisome, Boas Noites (Premio Manuel María 2006), A casa redonda, O lobishome de Candeán e As outras historias, entre outros.
 
Membro da compañía Berrobambán dende 1996, tamén desenvolve a súa traxectoria como directora e actriz noutras compañías, como Centro Dramático Galego (para o que en 2006 dirixiu e interpretou A cabana de Babaiagá), Talía Teatro ou Magrinyana. Paula Carballeira ten participado como convidada en destacados festivais de narración oral, tanto a nivel estatal como internacional, ademais de traballar como actriz e contadora de contos en diferentes series e espazos da TVG (Apaga a luz, A noite en branco, Pequeno Hotel, O rei da comedia, Rías Baixas, Máxima audiencia, Contando estrelas, Pepe O Inglés e, na actualidade, Libro de familia) e como colaboradora nos programas da Radio Galega Xamón, xamón e A taberna da Galega.


IX PREMIO BARRIGA VERDE DE TEXTOS PARA TEATRO DE MONICREQUES
-Modalidade de textos para adultos: deserto.
-Modalidade de textos para rapaces: deserto.