Novas
A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e o Concellería de Cultura da cidade promoven a iniciativa dentro da celebración en Galicia do Ano da Música
Juan Carlos F. Fasero e a concelleira Ana Fernández participaron hoxe na apertura ao público da colección, quepode visitarse ata o 29 de xaneiro na sala de exposicións do Centro Cultural Salvador de Madariaga.
Comisariada polo musicólogo Luis Delgado, a mostra reúne a variedade de aparellos e formatos que permitiron a transmisión de sons e melodías desde finais do século XIX e con anterioridade á era dixital.
A Coruña amosa a historia da gravación e a reprodución sonora na exposición PALEOPHONÍA
Juan Carlos F. Fasero e a concelleira Ana Fernández participaron hoxe na apertura ao público da colección, quepode visitarse ata o 29 de xaneiro na sala de exposicións do Centro Cultural Salvador de Madariaga.
Comisariada polo musicólogo Luis Delgado, a mostra reúne a variedade de aparellos e formatos que permitiron a transmisión de sons e melodías desde finais do século XIX e con anterioridade á era dixital.
[01/12/2011]
A Axencia Galega das Industrias Culturais e o Concello da Coruña organizan conxuntamente a exposición “Paleophonía”, unha mostra comisariada polo musicólogo Luis Delgado que reúne a variedade de aparellos e formatos que permitiron a expansión de sons e melodías desde finais do século XIX ata os anos previos á entrada na era dixital.O director da Agadic, Juan Carlos F. Fasero; e a concelleira delegada de Cultura, Ana María Fernández Gómez, participaron hoxe no acto de apertura ao público da exposición, que se inaugura dentro da celebración do Ano da Música de Galicia pero que permanecerá no devandito espazo municipal ata o vindeiro 29 de xaneiro de 2012.
“Paleophonía” propón un percorrido pola historia da gravación e a reprodución sonora a través da variedade de enxeños e formatos (do cilindro de cera ao disco compacto, do fonógrafo ao radiocasete) que permitiron a expansión popular de sons e melodías. As preto de cen pezas expostas proceden na súa maioría de dúas coleccións particulares: a de Enresto Romero e a do propio Luis Delgado e Gema Ruiz.
Fitos coruñeses
No acto de apertura, Juan Carlos F. Fasero resaltou o valor dos obxectos reunidos en “Paleophonía” como “elementos fundamentais” para a transmisión de voces, sons e música e a súa achega “na construción de conceptos tan importantes como a identidade e a memoria tanto persoais como colectivas”.
O director da Agadic fixo referencia ademais a algún dos fitos da historia fonográfica galega que tiveron á Coruña por escenario, como foi a chegada á cidade en 1904 da Compagnie du Gramophone para gravar ao coro pontevedrés Aires da Terra dirixido por Perfecto Feijoo, ou o nacemento en 1979 de Ruada, o que pode considerarse primeiro selo discográfico coruñés e galego.
En dúas partes
“Paleophonía” estrutúrase en dúas partes, diferenciadas segundo a utilización dos dous principais sistemas de reprodución analóxica. Así, o primeiro bloque leva por título As orixes da música gravada: o fonógrafo e o gramófono e o segundo apartado organízase baixo o epígrafe Gravación e reprodución amplificada: a cinta magnetofónica. Cronoloxicamente, estendese desde finais do século XIX a finais do século XX, xa que remata a súa panorámica ás portas da entrada na era dixital.
A exposición conta con case un cento de obxectos, desde os grandes gramófonos ata os máis pequenos reprodutores de casette, pasando polos diferentes formatos e materiais dos discos (lousa, celulosa e vinilo), as diferentes cintas magnetofónicas co seu material complementario (agullas, cilindros…). Trátase, en definitiva, dunha completa ollada aos cen anos no que se pasou da imposibilidade de gardar de modo permanente o son ata a xeneralización absoluta da súa conservación e reprodución.
Pode visitarse a partir de hoxe e ata o 29 de xaneiro, de luns a domingo, en horario de 12:00 a 14:00 e de 18:00 a 21:00 horas. Os únicos días de peche son o 24, 25 e 30 de decembro, así como o 1 de xaneiro.
-Cartel da exposición.

























