CELEBROUSE NA CAPITAL LUSA COMO PARTE DA MOSTRA ESPANHA 2011, QUE O MINISTERIO DE CULTURA ESPAÑOL DESENVOLVE EN CINCO LOCALIDADES PORTUGUESAS

A Agadic participou hoxe no encontro Foros Transfronteirizos para a Cultura na Fundación Gulbenkian de Lisboa

  Juan Carlos F. Fasero interveu na mesa redonda sobre cooperación transnacional para expoñer o balance e perspectivas de futuro arredor do programa CREATIVA.

A Agadic participou hoxe no encontro Foros Transfronteirizos para a Cultura na Fundación Gulbenkian de Lisboa
[05/12/2011]
A Agadic foi unha das entidades participantes e co-organizadoras da mesa redonda “Foros transfronteirizos para a cultura”, que se desenvolveu hoxe na Fundação Calouste Gulbenkian de Lisboa co obxectivo analizar e definir liñas de colaboración cultural que permitan reforzar e mellorar as relacións entre Portugal e España.

O encontro insírese no programa da Mostra España 2011 que, organizado polo Ministerio de Cultura español, se desenvolve durante os meses de novembro e decembro nas localidades portuguesas de Lisboa, Porto, Coimbra, Almada e Palmela.

O director da Agadic, Juan Carlos F. Fasero, interveu nesta mesa redonda xunto coa directora rexional de Cultura do Norte do Ministério da Cultura portugués, Paula Silva, para compartir cos asistentes o balance e as perspectivas de futuro arredor do programa CREATIVA 2009-2011, que ambas entidades impulsaron como parte do Programa Europeo de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal.
 
Este proxecto materializouse a través de máis de medio centenar de accións de encontro e intercambio cultural e multidisciplinario entre Galicia e o Norte de Portugal, impulsando desde decembro de 2009 un total de 10 foros sectoriais, 30 citas escénicas, musicais, expositivas e formativas, tres coproducións de espectáculos e un amplo programa de accións específicas no marco de 13 encontros artísticos e profesionais en ámbitos como a escena, a música, o audiovisual ou o produto gráfico, entre outros.
 
Accións de futuro
No desenvolvemento do programa CREATIVA, favorecéronse especialmente aquelas propostas que puideran servir de xermolo a novas iniciativas de colaboración e desenvolvemento conxunto das industrias culturais galega e portuguesa. É o caso da futura posta en marcha na Illa de San Simón do Laboratorio Permanente das Industrias Culturais, desde o que –en colaboración co Consello da Cultura Galega– se impulsarán investigacións relacionadas co sector, ademais de organizar accións formativas, residencias artísticas, foros e congresos profesionais e accións concretas de intercambio entre Galicia e o Norte de Portugal, entre outras actividades.
 
O encontro “Foros transfronteirizos para a cultura” contou tamén con representación do resto das Comunidades autónomas que limitan con Portugal –Andalucía, Castela e León e Estremadura–, así como das rexións portuguesas coas que comparten fronteira, co obxectivo de poñer en común opinións e experiencias no marco da cooperación cultural, así como de identificar novas vías para estreitar os lazos culturais no ámbito das eurorrexións.
 
Expuxéronse, así mesmo, outros casos de intercambio cultural entre ambos países, como o programa Mostra Espanha-Mostra Portuguesa, no que se inscribe esta mesa redonda. Ambas iniciativas comparten o obxectivo de poñer a disposición do público un amplo repertorio de actividades representativas da cultura e patrimonio do país veciño, ademais de promover a realización de foros profesionais entre España e Portugal.
 
Pórtico virtual
En Portugal, a segunda edición da Mostra España desenvolve este ano máis de 30 citas culturais, entre as que tamén se atopa a exposición “Pórtico virtual”, organizada pola Fundación Barrié na igrexa de Santiago do Castelo de Palmela. A mostra, que foi inaugurada polo conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, o pasado 18 de novembro, ofrece un percorrido polo proceso de restauración do Pórtico da Gloria na Catedral de Santiago de Compostela e poderá visitarse en Palmela ara o 25 de febreiro.
 
Pola súa banda, a Mostra Portuguesa celebrou a súa novena edición entre outubro e novembro, despregando un amplo programa de cine, música, exposicións, gastronomía e literatura nas cidades de Barcelona, Sevilla, Madrid, León, Oviedo, Badaxoz e Zaragoza.