Novas
A Agadic patrocina o X Festival de Teatro Agustín Magán, no que participan 6 compañías de teatro amateur do 9 ao 14 de decembro
O Teatro Principal de Santiago será a sede do evento e acollerá os espectáculos dos grupos NNC, Hipócrita, Achádego, O Aturuxo de Melpómene, Teatro do Aramio e Marañao.
De xeito paralelo celebraranse na Cidade da Cultura as VI Xornadas Fegatea de Teatro Afeccionado os días 9 e 10.
Juan Carlos F. Fasero participou hoxe na presentación de ambas iniciativas xunto á directiva do colectivo e os responsables municipais.
O director da Agadic, Juan Carlos F. Fasero, que participou hoxe na presentación do programa do festival xunto a Consuelo Pampillón e José León, presidenta e vicepresidente –respectivamente– de Fegatea, e a Víctor Carou, da área de Cultura do Concello de Santiago, explicou o contido da cooperación que se mantén con esta entidade sen ánimo de lucro que reúne desde 2001 á maior parte dos grupos de teatro non profesionais e máis activos que existen en Galicia.
Este plano de colaboración abrangue un programa formativo, varios ciclos de exhibición, a celebración dunhas xornadas anuais e a publicación e difusión da revista corporativa da Fegatea.
Xornadas na Cidade da Cultura
Deste xeito, Fasero referiuse ao próximo desenvolvemento na Cidade da Cultura das VI Xornadas de Teatro Afeccionado Fegatea, nas que participarán representantes das distintas realidades teatrais do panorama nacional coas que Fegatea pretende estreitar vínculos para promover a cultura galega no exterior, establecer novas canles para asentar un circuíto de teatro afeccionado intercomunitario e reactivar a Confederación de Teatro Afeccionado (CETA).
As xornadas, que terán lugar de xeito paralelo ao festival pero unicamente nos seus primeiros dous días, completaranse cunha exposición que permanecerá instalada no hall da Biblioteca da Cidade da Cultura.
X Agustín Magán
O Festival de Teatro Afeccionado Agustín Magán, que cumpre coa súa edición de 2011 10 anos de traxectoria baixo o nome do célebre fundador da compañía compostelá Ditea, ten como finalidade amosar as diversas propostas escénicas dos grupos afeccionados federados galegos.
A carteleira deste ano está integrada polos espectáculos de 6 compasñías: NNC Teatro, que representará Esperando a Godot o 9 de decembro; Hipócrita Teatro, con Homes en escabeche o día 10; Achádego Teatro, con As alegres comadres o día 11 (compañía á que pertencen as máscaras da imaxe da esquerda); O Aturuxo de Melpómene, con RRHH (O Método) o día 12; Teatro do Aramio Ut-Tópico Teatro, con Baile de sombras o día 13; e Marañao Teatro, que escenificará Ópera Pánica (Cabaret Tráxico) o día 14. Todas as funcións darán comezo ás 21:00 horas no Teatro Principal de Santiago de Compostela, agás a do día 10, que será ás 20:00 horas.
Ciclos formativos e de exhibición
O convenio asinado coa Agadic financia tamén un ciclo de carácter formativo, que se desenvolveu a través de distintos cursos celebrados en Vigo, Valga, Palas de Rei, O Carballiño, Narón e Arteixo co obxectivo de mellorar as competencias dos asociados a Fegatea. Estes cursos, que se viñeron ofrecendo entre xullo e novembro de 2011, foron impartidos por Avelino González (Commedia dell’Arte), Anabell Gago (Humanización de textos dramáticos), María Creo (Crear en esencia), José Jorge García (Expresión corporal), Paula carballeira (Narración oral) e Marián Bañobre (Pracer escénico).
Tamén se están a desenvolver programas de exhibición de teatro afeccionado nos que poden participar grupos non federados a xeito de intercambio entre localidades, así como o ciclo “Fegatea Móvete”, un punto de encontro e de presentación de proxectos. Ademais, a revista Fegatea publícase como escaparate das propostas escénicas dos grupos federados e instrumento fundamental de difusión da súa realidade cara a todas as administracións e entidades culturais galegas.
-Programa do X Festival Agustín Magán.





















