Novas
Juan Carlos F. Fasero salienta a estabilidade na distribución dos espectáculos galegos como prioridade da Agadic en 2012
O director da Axencia Galega das Industrias Culturais presentou a programación semestral da Rede Galega de Teatros e Auditorios e da Rede Galega de Salas.
Destacou o esforzo orzamentario, compartido coas entidades xestoras dos espazos, que permitirá investir máis de 928.000 euros no desenvolvemento dun total de 427 funcións de teatro, danza, música, maxia e novo circo ata xuño.
A Rede Galega de Música ao Vivo abre este mes o seu prazo de programación cara á configuración do calendario de concertos que dará comezo en febreiro.
[04/01/2012]
O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Juan Carlos F. Fasero, presentou hoxe a carteleira semestral da Rede Galega de Teatros e Auditorios e da Rede Galega de Salas e confirmou que a garantía da estabilidade na distribución de espectáculos producidos por empresas galegas é “prioritaria no marco das liñas de apoio ao sector para 2012”.O obxectivo neste sentido será -segundo explicou- acadar uns niveis de investimento e de programación anual que, no actual contexto económico e de contención do gasto público, permitan manter a traxectoria descrita nos últimos anos polos circuítos de exhibición escénica e musical da Agadic como principais canles de encontro entre os espectadores e as compañías profesionais galegas.
Fasero -quen comezou a súa intervención cunhas palabras de agradecemento e recoñecemento para o conselleiro saínte de Cultura, Roberto Varela, e para o seu equipo- cuantificou en 928.637 euros o orzamento destinado ao desenvolvemento dun total de 427 funcións de teatro, danza, música, maxia e novo circo en ambas redes ata o mes de xuño, ao tempo que subliñou este “esforzo orzamentario” que, no caso concreto da Rede Galega de Teatros e Auditorios, a Agadic comparte coas entidades xestoras –concellos na meirande parte dos casos– dos espazos.
Cifras positivas
Son un total de 44 os teatros, auditorios e salas que acollerán estas programacións, no marco das que se presentarán 113 espectáculos a cargo de 101 compañías e grupos profesionais, 83 deles con sede en Galicia. Para Fasero estas son cifras “moi positivas”, xa que malia existir unha diminución no número de espazos que contrataron espectáculos a través destas redes para o primeiro semestre do ano, conseguíronse manter unhas cifras acordes cos niveis medios dos últimos cinco anos de actividade.
Cun orzamento de 878.433 euros, do que a Agadic achega un 48%, a Rede Galega de Teatros e Auditorios ofrece ata xuño un total de 336 funcións, das que 154 están especialmente dirixidas a un público infantil ou familiar. Nesta ocasión, 39 espazos de titularidade pública de 35 localidades acollen unha carteleira configurada polas últimas propostas de 72 compañías, entre as que destacan –con máis de 10 funcións en cartel cada una delas– as galegas Talía Teatro, Caramuxo Teatro, Chévere, Eme2, Teatro do Andamio e Teatro do Noroeste.
No transcurso dos seus máis de quince anos de traxectoria, a Rede de Teatros e Auditorios tense consolidado como a principal canle para a exhibición da produción escénica feita en Galicia. Como explicou hoxe Juan Carlos F. Fasero, en 2011 acometeuse a reforma dalgunhas das súas principais normas reguladoras co obxectivo de mellorar a súa xestión e de favorecer, ao tempo, unha maior descentralización da súa oferta ao flexibilizar as condicións de financiamento e de programación dos concellos con menor poboación.
Salas de titularidade privada
Canto á Rede Galega de Salas, nestes momentos está integrada por dous espazos composteláns (ARTeria Noroeste e Sala Santart), dous vigueses (Teatro Arte-Livre e Teatro Ensalle) e un da Coruña (Teatro del Andamio). Como parte deste circuíto, programarán ata xuño un total de 91 funcións para as que contan cun orzamento global de 50.204 euros, que achega integramente a Agadic.
Esta rede botou a andar en 2007 co obxectivo de apoiar a iniciativa privada no ámbito da exhibición escénica. Dende entón, vén ofrecendo un catálogo multidisciplinar no que, de xeito progresivo, foron cobrando maior peso as propostas de novas tendencias e as dirixidas a público infantil. De feito, neste período de programación máis da metade das funcións están pensadas para os espectadores máis novos. Serán, en total, 35 as compañías e 36 os espectáculos en cartel.
A este primeiro ciclo de programación en ambos circuítos haberá que sumar os concertos que se ofrecerán a partir de febreiro no seo da Rede Galega de Música ao Vivo, que este mes de xaneiro abre o prazo de programación para que os responsables da trintena de salas que configuran o circuíto ultimen o seu calendario de actuacións ata o verán.
A carteleira máis ampla de Galicia
Tal e como asegurou hoxe o director da Agadic, a programación das tres redes xunto co programa nos concellos Camiños de Cultura –que se desenvolve exclusivamente nos meses de verán– dan forma á “carteleira de exhibición escénica e musical máis ampla e completa de toda Galicia”, tanto no que se refire ao número de funcións e localidades nas que se desenvolve, como á variedade da oferta e espectadores á que se dirixe.
A programación de ambas redes pode ser consultada a través da sección de axenda da páxina web da Agadic (www.agadic.info/Axenda), para a que se habilitou un buscador de espectáculos por data da función, localidade, espazo, compañía/grupo e tipoloxía.
-Calendario de funcións na sección de axenda.





















