A Agadic colabora nunha nova edición de Cantos na Maré que se celebra o sábado 14 en Pontevedra

  Carlos do Carmo, Mayra Andrade, Socorro Lira e Xoán Curiel protagonizan este concerto, que se celebra ás 21.00 horas no Pazo da Cultura.

  A entidade da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria apoia economicamente esta iniciativa da produtora Nordesía e a cantante Uxía.

A Agadic colabora nunha nova edición de Cantos na Maré que se celebra o sábado 14 en Pontevedra
[05/01/2012]
Cantos na Maré celebra a súa novena edición o 14 de xaneiro cun concerto que xuntará sobre o escenario do Pazo da Cultura de Pontevedra catro das voces máis interesantes das músicas en lingua galega e portuguesa: o portugués Carlos do Carmo, a caboverdiana Mayra Andrade, a brasileira Socorro Lira e o galego Xoán Curiel (na imaxe).

A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) apoia un ano máis esta iniciativa da produtora Nordesía, que conta coa dirección artística da cantante Uxía.

Carlos do Carmo, historia viva do fado con case 50 anos de carreira, e Mayra Andrade, chamada a ser a sucesora de Cesária Évora na difusión internacional da música de CaboVerde, son dúas das principais referencias desta nova edición do festival internacional da lusofonía . Xunto con eles, no cartel do festival destaca así mesmo a presenza de Socorro Lira, coa súa reinterpretación do legado musical atlántico, e Xoán Curiel, cantautor pop galego libre de prexuízos.
 
O concerto virá precedido de varios días de ensaios para que os convidados se coñezan e traballen xuntos no repertorio orixinal que converte a cada Cantos na Maré nun espectáculo único. Contará coa dirección musical de Paulo Borges (Azores-Portugal), que tocará o piano e estará á fronte dunha banda que completan José Manuel Díaz (Cuba, contrabaixo), Quiné (Portugal, batería e percusións), Moisés Fernandes (Portugal, trompeta) e Sérgio Tannus (Brasil, guitarra e cavaquinho).
 
As entradas para o concerto están xa á venda a través de Servinova (www.servinova.com e 902 504 500) a un prezo de 12 euros (gastos de xestión incluídos). No despacho de billetes do Pazo da Cultura poderanse adquirir a 15 €o mesmo día do concerto, desde as 19.00 h ata o comezo do espectáculo.
 
Os artistas
Carlos do Carmo é sinónimo de fado. Hai case medio século que iniciou unha carreira artística consagrada á canción de Lisboa, converténdose nunha das súas voces máis emblemáticas. A súa preocupación por evolucionar cos tempos fai que siga a ser un referente para as novas xeracións, que atopan nel o carisma, a elegancia e a frescura dun artista universal que levou a música portuguesa aos mellores escenarios dos cinco continentes.
 
Mayra Andrade pode presumir aos seus 26 anos de ter compartido aventuras musicais con Charles Aznavour, Youssou N'Dour, Carlinhos Brown, Angélique Kidjo ou Lenine. Chamada a ser a voz que marque unha nova etapa na música de Cabo Verde, foxe de etiquetas explorando as vías musicais menos transitadas.
 
Socorro Lira xunta coñecemento do pasado e creatividade contemporánea. Vén do sertão brasileiro e traballa intensamente na divulgación das manifestacións máis xenuínas da música do seu país. Ao seu valioso traballo de recuperación do patrimonio musical do estado de Paraíba seguiu un proxecto que a uniu para sempre a Galicia: Cores do Atlántico, no que fai unha interpretación en clave actual das cantigas de amigo da lírica galego-portuguesa.
 
Xoán Curiel fai pop galego libre de prexuízos. As súas cancións agochan instrumentacións cálidas, arranxos atrevidos, influencias da música étnica e letras conectadas co presente. Magnético Zen é o seu último álbum, no que ofrece a súa particular visión crítica do caos no que se atopa inmersa a sociedade actual.

-Web de Cantos na Maré.