CELÉBRASE NO PAZO DA CULTURA DE PONTEVEDRA ESTE SÁBADO ÁS 21.00 HORAS

Entradas esgotadas para o concerto de Cantos na Maré con Carlos do Carmo, Mayra Andrade, Socorro Lira e Xoán Curiel

  O director da Agadic destaca o elevado nivel artístico desta edición do festival, consolidado xa como un referente internacional para a música da lusofonía.

  A entidade da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria apoia economicamente esta iniciativa da produtora Nordesía, que conta coa dirección artística da cantante Uxía.

Entradas esgotadas para o concerto de Cantos na Maré con Carlos do Carmo, Mayra Andrade, Socorro Lira e Xoán Curiel
[12/01/2012]
O auditorio do Pazo da Cultura de Pontevedra encherase este sábado 14 durante a celebración do concerto de Cantos na Maré, que este ano protagonizan o portugués Carlos do Carmo, a caboverdiana Mayra Andrade, a brasileira Socorro Lira e o galego Xoán Curiel. Coas entradas esgotadas desde hai días, o festival é xa un referente da música da lusofonía.

Na presentación do evento, o director da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais), Juan Carlos F. Fasero, destacou a "elevada calidade artística" que ano a ano mantén o Festival Internacional da Lusofonía, que nesta novena edición reúne catro das voces máis interesantes das músicas en lingua galega e portuguesa. A entidade da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria colabora economicamente con esta iniciativa da produtora Nordesía, que conta coa dirección artística da cantante Uxía.

Fasero valorou tamén a consolidación da audiencia do festival, que inscribiu ademais no marco doutras iniciativas que acolle a cidade de Pontevedra co apoio da Agadic, como a feira das industrias culturais Culturgal ou a programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios no Pazo da Cultura e no Teatro Principal.

Xunto co director da Axencia, participaron na presentación do concerto Anxos Riveiro, concelleira de Cultura do Concello de Pontevedra e Paco de Pin, responsable de Nordesía, ademais de Uxía, Socorro Lira e Xoán Curiel, que interpretaron sobre o escenario o tema Cantos na maré, convertido no himno do festival.

Os artistas
Carlos do Carmo é sinónimo de fado. Hai case medio século que iniciou unha carreira artística consagrada á canción de Lisboa, converténdose nunha das súas voces máis emblemáticas. A súa preocupación por evolucionar cos tempos fai que siga a ser un referente para as novas xeracións, que atopan nel o carisma, a elegancia e a frescura dun artista universal que levou a música portuguesa aos mellores escenarios dos cinco continentes.
 
Mayra Andrade pode presumir aos seus 26 anos de ter compartido aventuras musicais con Charles Aznavour, Youssou N'Dour, Carlinhos Brown, Angélique Kidjo ou Lenine. Chamada a ser a voz que marque unha nova etapa na música de Cabo Verde, foxe de etiquetas explorando as vías musicais menos transitadas.
 
Socorro Lira xunta coñecemento do pasado e creatividade contemporánea. Vén do sertão brasileiro e traballa intensamente na divulgación das manifestacións máis xenuínas da música do seu país. Ao seu valioso traballo de recuperación do patrimonio musical do estado de Paraíba seguiu un proxecto que a uniu para sempre a Galicia: Cores do Atlántico, no que fai unha interpretación en clave actual das cantigas de amigo da lírica galego-portuguesa.
 
Xoán Curiel fai pop galego libre de prexuízos. As súas cancións agochan instrumentacións cálidas, arranxos atrevidos, influencias da música étnica e letras conectadas co presente. Magnético Zen é o seu último álbum, no que ofrece a súa particular visión crítica do caos no que se atopa inmersa a sociedade actual.

Nestes días previos ao concerto, o Pazo da Cultura acollé unhas intensas sesións de ensaios durante as que os catro artistas convidados teñen a oportunidade de coñecerse e preparar, xunto coa banda do festival, o repertorio orixinal que converte a cada Cantos na Maré nun espectáculo único e irrepetible. Paulo Borges (Azores-Portugal) encárgase da dirección musical, ademais de tocar o piano á fronte dunha banda que completan José Manuel Díaz (Cuba, contrabaixo), Quiné (Portugal, batería e percusións), Moisés Fernandes (Portugal, trompeta) e Sérgio Tannus (Brasil, guitarra e cavaquinho).

-Web de Cantos na Maré.