Novas
A PRIMEIRA PROPOSTA É PELOS NA LINGUA, CON DÚAS REPRESENTACIÓNS (SÁBADO 28 ÁS 20.30 HORAS E O DOMINGO 29, ÁS 18.00) E SETE PASES MATINAIS ATA DO LUNS 30 AO XOVES DÍA 2
Ás funcións concertadas cos centros de ensino asistirán máis de 1.700 estudantes de bacharelato de 28 institutos de toda Galicia.
“Pelos na lingua” é unha comedia sobre os usos e abusos do galego, que conta con dirección de Avelino González e interpretación a cargo de Toño Casais, Artur Trillo e María Ordóñez.
O venres 3 e o sábado 4, ás 20.30 horas, porase en escena “Volpone”, o texto de Ben Jonson con dirección e dramaturxia de Roberto Salgueiro que retrata satiricamente a obsesión humana por acumular riquezas e poder.
A compañía Talía ocupa dúas semanas o Salón Teatro con 11 funcións escolares e xerais dos seus dous últimos espectáculos
Ás funcións concertadas cos centros de ensino asistirán máis de 1.700 estudantes de bacharelato de 28 institutos de toda Galicia.
“Pelos na lingua” é unha comedia sobre os usos e abusos do galego, que conta con dirección de Avelino González e interpretación a cargo de Toño Casais, Artur Trillo e María Ordóñez.
O venres 3 e o sábado 4, ás 20.30 horas, porase en escena “Volpone”, o texto de Ben Jonson con dirección e dramaturxia de Roberto Salgueiro que retrata satiricamente a obsesión humana por acumular riquezas e poder.
[26/01/2012]
A compañía Talía Teatro instalarase durante dúas semanas no Salón Teatro de Santiago para ofrecer un total de 11 funcións de dous dos seus últimos espectáculos. Así, do 28 de xaneiro ao 2 de febreiro o grupo de Cee representará Pelos na lingua, en tanto que o venres 3 e o sábado 4 escenificará Volpone. Ou comedia de Mosca.Pelos na lingua podería considerarse a segunda parte de Bicos con lingua, anterior montaxe de Talía sobre os usos e abusos que sofre o idioma galego, aínda que non se trata dunha continuación da liña argumental porque se parte dun enfoque distinto. Cunha estrutura de sketches, e sen deixar de lado a ironía e o humor que caracteriza aos seus espectáculos, o grupo decidiu afrontar esta última produción coa dirección de novo de Avelino González e a interpretación de Toño Casais, Artur Trillo e María Ordóñez, quen desta volta se suma ao equipo actoral.
Distintos autores e autoras galegas participaron na creación deste espectáculo, que tamén conta coa colaboración de Carlos Alonso na escenografía e no vestiario; e de Dani Trillo, na iluminación e na composición da música orixinal.
O escenario do Centro Dramático Galego (CDG) desenvolverá un total de nove funcións desta reflexión sobre a situación da nosa lingua na sociedade actual: dúas para o público xeral, que terán lugar o sábado 28 ás 20.30 horas e domingo 29 ás 18.00 horas; e sete para estudantes de bacharelato, concretamente dous pases matinais (ás 10.30 e ás 12.30 horas) o luns 30, o martes 31 e o xoves 2, e un só pase (ás 11.30 horas), o mércores 1. Ata o momento, teñen confirmada a súa asistencia un total de 1.710 alumnos procedentes de 28 centros de ensino de Laracha, Culleredo, Curtis, Cee, Santiago, Noia, Coristanco, Vigo, Lugo, Cuntis, Bueu, Melide, Marín, Arzúa, Ordes, A Estrada, Ribadumia, Caldas, Vilagarcía, Celanova e Lousame.
Sátira da debilidade humana
A presenza de Talía no Salón Teatro non rematará con Pelos na lingua, xa que o venres 3 e o sábado 4 de febreiro, ás 20.30 horas, a compañía que dirixe Artur Trillo porá en escena Volpone. Ou comedia de Mosca. A obra máis famosa e representada do autor inglés Ben Jonson constitúe unha mordaz sátira da debilidade humana e de ata onde nos fan chegar as ansias por acumular beneficios e poder.
Artur Trillo, Toño Casais, María Ordóñez, Dani Trillo, Marta Ríos, Diego Rey, Gustavo G. Dieste, David Creus e Rubén Prieto interpretan este espectáculo que conta coa dramaturxia e dirección de Roberto Salgueiro.
Cun vestiario colorista que contrasta coa neutralidade dunha escenografía chea de sorpresas, esta fábula cóntanos a historia do rico ancián Volpone e as loitas dos que o rodean para facerse coa súa herdanza. Todos eles, Corvino, Corbaccio, Voltore e a Viúva, créndose os seus herdeiros, agardan ansiosos a morte do vello, pero esta tarda en chegar. O propio Volpone coa axuda do seu criado Mosca tece todo tipo de artimañas para enganar á súa vez aos que cre estafadores.
A montaxe, non recomendada para menores de 13 anos, incide continuamente nas ansias de poder do ser humano e as súas consecuencias, así como na obsesión por acumular riquezas e propiedades, obsesión da que nesta versión de Roberto Salgueiro non escapa nin o Estado.
Venda de entradas
As entradas para asistir a estas representacións de Pelos na lingua e Volpone poranse á venda no despacho de billetes do Salón Teatro desde dúas horas antes do comezo de cada función. Tamén se poden adquirir por adiantado na billeteira electrónica a través do teléfono 902 43 44 43 ou da web http://entradas.novagaliciabanco.es. O prezo das localidades é de 10 euros para as funcións do venres e do sábado (cun desconto do 40% para estudantes, xubilados, usuarios do carné xoven, desempregados e determinados colectivos profesionais) e de 5 euros para o domingo, día do espectador.
-Web de Talía Teatro.
-Dossier de Pelos na lingua.
-Dossier de Volpone.
























