A Agadic edita o undécimo número da revista PARAÍSO que distribúe de xeito gratuíto en 50 espazos escénicos galegos

  Os novos formatos e a procura de fórmulas alternativas na produción e exhibición dos espectáculos centran varias das reportaxes desta entrega.

  Recolle as fichas das 113 montaxes que poderán verse ata xuño na Rede Galega de Teatros e Auditorios e na Rede Galega de Salas.

A Agadic edita o undécimo número da revista PARAÍSO que distribúe de xeito gratuíto en 50 espazos escénicos galegos
[27/01/2012]
A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acaba de editar o undécimo número da revista Paraíso, que distribúe de xeito gratuíto a través dos 50 espazos asociados aos seus circuítos de distribución escénica: Rede Galega de Teatros e Auditorios e Rede Galega de Salas.
As súas respectivas programacións para o primeiro semestre de 2011 centran esta nova entrega, que ofrece tanto o calendario de funcións como as fichas dos 113 espectáculos de teatro, danza, maxia, música e novo circo que conforman estas carteleiras.

A través das súas reportaxes principais, o número 11 de Paraíso propón un percorrido por diferentes fórmulas artísticas e empresariais á hora de producir e distribuír novos espectáculos en Galicia. Un bo exemplo desta procura de alternativas creativas atopámolo no espectáculo que ocupa a portada, o proxecto coreográfico SeisdeCatro, no que conflúen as compañías Sólodos, La Macana, Pisando Ovos e Quique Peón Cía. e seis dos seus bailaríns e coreógrafos.

Esta undécima entrega achéganos tamén as claves do éxito de O florido pénsil, produción de Eme2 patrocinada pola Agadic que desenvolverá unha trintena de funcións durante a temporada teatral 2011-2012, ademais de reunir nunha reportaxe especial as últimas propostas de An_danza, Baobab Teatro, Berrobambán, Funboa Escénica e P&G Circus como exemplo dos novos formatos escénicos polos que están a apostar algunhas compañías galegas que, porén, buscan deixar atrás a etiqueta de “escena alternativa” para chegar a audiencias máis amplas.

Entrevista a Ánxeles Cuña
A nova etapa asociativa do Teatro Ensalle de Vigo, o espectáculo 100% ecolóxico de Redrum Producións e o Teatro Principal de Ourense protagonizan outros dos apartados deste número, que dedica a súa sección de entrevista a Ánxeles Cuña, directora da compañía ourensá Sarabela Teatro e referente do teatro profesional galego.   

De edición bianual e cunha tiraxe de 7.000 exemplares, Paraíso ofrece a través do seu carderniño central o calendario semestral de actuacións destes dous circuítos de exhibición que promove a Axencia Galega das Industrias Culturais: en total, 427 funcións entre os meses de xaneiro e xuño a cargo de 101 compañías e grupos profesionais, 83 deles con sede en Galicia. A carteleira actualizada pódese consultar, así mesmo, a través da páxina web www.agadic.info/Axenda, na que se habilitou un buscador de espectáculos por data da función, localidade, espazo, compañía/grupo e tipoloxía.

Ademais da súa edición en papel, Paraíso está dispoñible para a súa descarga en formato dixital desde a portada da web da Agadic: www.agadic.info.

-Descarga Paraíso 11 en formato pdf (3,74 Mb).