TOCARÁ O 14 DE MARZO NO AUDITORIO DO CENTRO CULTURAL ÁGORA DA CORUÑA

Thurston Moore, vocalista e fundador de Sonic Youth, nova confirmación do ciclo Galicia Importa

  A Agadic apoia esta nova edición do programa de concertos promovido por Sweet Nocturna, que dá comezo o 13 de marzo na Sala Capitol de Santiago con The Jon Spencer Blues Explosion.

  As entradas para a actuación de Moore poderán adquirirse a partir do martes 14 de febreiro, mentres que as de Jon Spencer xa están á venda.

Thurston Moore, vocalista e fundador de Sonic Youth, nova confirmación do ciclo Galicia Importa
[09/02/2012]
A edición 2012 do ciclo Galicia Importa dará comezo en marzo con dúas grandes citas musicais, de xeito que ao concerto xa confirmado de The Jon Spencer Blues Explosion o día 13 na Capitol de Santiago, únese agora o que Thurston Moore -cantante, guitarrista e cofundador da mítica banda Sonic Youth- ofrecerá ao día seguinte no Ágora da Coruña.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), patrocina esta nova edición do programa de concertos que promove a produtora viguesa Sweet Nocturna co obxectivo de achegar ao público galego artistas internacionais de referencia en diferentes estilos.
 
Entradas
As entradas para a actuación do alma mater dos Sonic Youth no Centro Cultural Ágora poranse á venda a partir do vindeiro martes 14 de febreiro a través de www.servinova.com, o teléfono 902 504 500, no despacho de billetes da praza de Ourense na Coruña e A Reixa Tenda de Santiago. O seu prezo é de 18 euros en venda anticipada e de 22 euros en billeteira. Ademais, xa poden adquirirse os billetes para The Jon Spencer Blues Explosion a través das canles habituais, segundo se especifica na web www.galiciaimporta.com.
 
O de Coruña será o único concerto en Galicia de Thurston Moore, dentro dunha exclusiva xira por algunhas das principais cidades españolas para presentar o cuarto traballo discográfico en solitario deste músico americano, cun impresionante legado que vai máis alá da experimentación á fronte do seu grupo e deixa tamén unha gran pegada a través da súa carreira paralela como solista e como produtor de bandas independentes.

Falar de Moore é facelo dun deses músicos que coa súa achega vén marcado os vieiros da música contemporánea durante os últimos anos. Cunha traxectoria ao alcance de moi poucos, o seu currículo sitúao desde os primeiros oitenta como unha das figuras emblemáticas do rock americano. Así, xunto con Sonic Youth, facturou algúns dos mellores momentos da música independente americana dos últimos trinta anos. A banda chegou a converterse en referente no seu xénero, de xeito que é evidente a súa influencia sobre infinidade de artistas, manténdose aínda ao máis alto nivel, tanto en estudio como en directo.
 
Carreira paralela
Tralo recente divorcio da súa compañeira en Sonic Youth, Kim Gordon, tras 27 años de matrimonio, o grupo entra nun período de descanso e Moore céntrase no seu proxecto en solitario e no seu disco Demolished Thoughts, que viu a luz no verán de 2011 e para o que contou con Beck na produción.
 
Este traballo ofrece unha nova aresta no seu afán por explorar os moi diferentes territorios da música popular. Coa colaboración de Beck, creou un ambiente puro, cheo de emoción e intensidade, que evidencia unha vez máis o seu gran talento. Ademais, nesta nova etapa decántase por un formato acústico baseado en guitarras e cordas para ofrecer un disco atemporal que aparece extremadamente limpo nos seu recursos.

-Web de Galicia Importa.