Novas
O CIRCUÍTO DESENVOLVERÁ DESDE MAÑÁ E ATA FINAIS DE XUÑO 226 CONCERTOS E FUNCIÓNS ESCÉNICAS NAS 29 SALAS CON ACTIVIDADE NESTE PRIMEIRO SEMESTRE DE 2012
A Agadic achega o 85 por cento do orzamento desta nova carteleira, presentada hoxe no Ultramarinos de Santiago polo secretario xeral de Cultura, o director da Axencia e o secretario de Clubtura.
Juan Carlos F. Fasero definiu a rede como a máis ampla e estable canle de distribución de música en directo en Galicia, incidindo na profesionalidade dos espazos e das bandas.
Anxo Lorenzo destacou a “promoción do tecido produtivo das nosas industrias culturais” como un claro obxectivo desta iniciativa.
Un total de 73 grupos actúan na programación do quinto aniversario da Rede de Música ao Vivo
A Agadic achega o 85 por cento do orzamento desta nova carteleira, presentada hoxe no Ultramarinos de Santiago polo secretario xeral de Cultura, o director da Axencia e o secretario de Clubtura.
Juan Carlos F. Fasero definiu a rede como a máis ampla e estable canle de distribución de música en directo en Galicia, incidindo na profesionalidade dos espazos e das bandas.
Anxo Lorenzo destacou a “promoción do tecido produtivo das nosas industrias culturais” como un claro obxectivo desta iniciativa.
[14/02/2012]
Un total de 69 bandas e 4 compañías escénicas, a meirande parte delas galegas, dan forma á nova carteleira da Rede Galega de Música ao Vivo, que desenvolve ata finais de xuño 226 actuacións en 29 salas. Promovido pola Consellería de Cultura, a través da Agadic e en colaboración coa asociación Clubtura, o circuíto cumpre cinco anos de actividade.Estas cifras foron detalladas polo director da Agadic, Juan Carlos F. Fasero, que presentou esta mañá a programación de 2012 xunto co secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e co secretario da Asociación Clubtura, David Paz, no pub Ultramarinos de Santiago de Compostela. Fasero incidiu no grande avance experimentado pola rede canto á súa profesionalización, tanto desde o punto de vista das salas como dos grupos e especialmente desde a implantación, hai agora un ano, dunha nova normativa de funcionamento.
Así mesmo, o director da Agadic sinalou que a Rede Galega de Música Ao Vivo ten logrado neste tempo cumprir cos obxectivos fixados na súa creación e consolidarse como a máis ampla e estable canle galega para a distribución de música ao vivo en locais de aforo reducido, á que teñen acceso tantos os grupos consolidados como os emerxentes.
Promoción do tecido produtivo das industrias culturais
Pola súa parte, o secretario xeral de Cultura destacou como un claro obxectivo desta iniciativa “a promoción do tecido produtivo das nosas industrias culturais”. A este respecto, recordou que “a realidade actual nos esixe centrar as políticas culturais en liñas de estimulación do emprego no ámbito da creatividade e a Rede Galega de Música ao Vivo permítenos avanzar nesta dirección”. “Tamén nos permite –engadiu– poñer en valor a música e as artes escénicas en Galicia, e amosar a importancia destes sectores tanto para o desenvolvemento da cultura propia como para o impulso das nosas industriais culturais”.
Juan Carlos F. Fasero subliñou, asemade, o salto cualitativo experimentado tras o estudo técnico que levou a cabo a Axencia para avaliar as salascanto á súa dotación técnica, programación e localización, entre outros aspectos, de xeito que desde 2011 todos os espazos adscritos á rede cumpren cunha serie de estándares que garanten mellores condicións para o desenvolvemento das actuacións. Tamén de acordo con esta nova normativa, todos os concertos programados deben ser producidos e/ou distribuídos de xeito profesional.
Salas
Para este primeiro período de 2012, a Rede conta cun orzamento total de 96.893 euros, do que un 85 por cento corresponde á Agadic (82.359 euros) e o 15 por cento restante (14.534 euros) aos 29 espazos adscritos, a través dos que esta programación chega a 21 localidades galegas: A Coruña (BâBâ Bar, Garufa e Jazz Filloa), A Laracha (Pub d’Antón Rock Café), Allariz (Café-Cultural Roi Xordo), Baiona (Marrucho), Bueu (Aturuxo), Caldas de Reis (Zona Zero), Cangas do Morrazo (SalaSon), Culleredo (Forum Celticum), Ferrol (Sala Super8), Lugo (Clavicémbalo), Marín (Ache), Melide (A Fundación, Pub Gatos e Sala 600), O Barco de Valdeorras (Baranda), O Grove (Náutico), O Porriño (Bar Liceum), Ourense (Auriense Café Cultural), Ponteareas (A Regueifa), Pontevedra (Sala Karma), Santiago de Compostela (Ultramarinos), Vigo (Contrabajo, El Ensanche, La Casa de Arriba, La Fábrica de Chocolate e La Iguana Club) e Vilagarcía de Arousa (Sama Sama).
Rock, pop, folk, blues, electrónica, jazz e a canción de autor son, entre outros, os estilos nos que poden inserirse os 69 grupos de música que figuran nesta axenda cultural, na que tamén hai lugar para as representacións escénicas, con 8 funcións teatrais a cargo das compañías Elefante Elegante e Obras Públicas, e 6 de maxia cos magos Benxamín e Teto.
Ultramarinos
O pub Ultramarinos, que acolle a programación compostelá do circuíto e no que hoxe tivo lugar esta presentación, é un excelente exemplo da variedade na oferta da rede, cun total de 8 citas culturais, das que 5 son concertos de diferentes estilos e 3 funcións escénicas: ademais de ser o encargado de pechar o acto de hoxe, o grupo compostelán de rock Sinestesia abrirá o programa do Ultramarinos o 14 de marzo, para dar paso a Max Gómez & Paco Charlín Quartet (18 de abril), Fados de Lisboa de Elefante Elegante (25 de abril), Sés (21 de maio), Mago Teto (22 de maio), Aló Django Trío (23 de maio), Life is a paripé de Obras Públicas (24 de maio) e Xan Campos Trío (20 de xuño).
A programación completa pode ser consultada a través da sección de axenda da páxina web da Agadic (www.agadic.info/Axenda), para a que se habilitou un buscador de funcións por data, localidade, espazo, grupo e tipoloxía. Ademais, a Axencia Galega das Industrias Culturais acaba de editar o undécimo número da súa revista Ao Vivo Música, dedicada á promoción e difusión dos artistas e grupos galegos, con especial atención á actividade da Rede Galega de Música ao Vivo.

























