DESENVÓLVESE ATA MAÑÁ NA CIDADE DA CULTURA COA PARTICIPACIÓN DE CREADORES E EMPRESARIOS

O director da Agadic participou no Encontro Internacional de Economía e Cultura

  Juan Carlos F. Fasero avoga pola articulación de accións concretas que impulsen o crecemento desta industria diante dos estudos que avalan un mellor comportamento fronte á crise que o resto do tecido empresarial.

O director da Agadic participou no Encontro Internacional de Economía e Cultura
[16/02/2012]
O director da Agadic, Juan Carlos F. Fasero, interveu como relator na primeira sesión do Encontro Internacional Economía e Cultura durante a que avogou pola definición de novas estratexias e accións concretas para que as industrias culturais e creativas (ICC) consoliden e mesmo incrementen o seu peso específico no tecido empresarial galego.

Baixo o epígrafe “Datos da economía creativa”, o responsable da Axencia Galega das Industrias Culturais participou neste encontro xunto con Håkan Casares, coordinador do Observatorio da Cultura do Consello da Cultura Galega, co obxectivo de ofrecer unha radiografía da situación actual do sector en Galicia, que no actual contexto de crise económica está a rexistrar un mellor comportamento que o conxunto da industria galega. Así se desprende, por exemplo, do estudo “As industrias creativas en Galicia e o Norte de Portugal: análise cuantitativa”, que Fasero presentará xunto con Ricardo Luz, representante de ADDICT (Agência para o Desenvolvimento das Indústrias Criativas de Portugal), no marco da Conferencia Internacional “As industrias creativas como chave para o futuro: análise e perspectivas”, que se celebra o vindeiro día 23 na Cidade da Cultura e ao día seguinte no Paço dos Duques de Bragança de Guimarães, Capital Europea da Cultura 2012.
 
Dinamización e competitividade
As cifras avalan a definición das ICC galegas como un sector dinámico, con capacidade de xerar emprego aínda en contextos de crise, cunha grande atomización, pero tamén con gran potencial de emprendemento e con empresas de referencia a nivel internacional. Neste sentido, o director da Agadic incidiu en que estas características deben servir de base para definir liñas concretas de actuación destinadas a favorecer a dinamización e competitividade do sector cultural galego a nivel económico e empresarial.
 
Nesta premisa céntrase precisamente o traballo do Laboratorio Permanente das Industrias Culturais, promovido pola Agadic e o Consello da Cultura Galega, en colaboración coa Fundación Illa de San Simón, como grupo de traballo estable, aberto a todos os axentes implicados e coa participación de académicos, investigadores e profesionais dos distintos ámbitos da cultura.
 
Inaugurado hoxe polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e a directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura de Galicia, Beatriz González Loroño, o Encontro Internacional de Economía e Cultura desenvólvese no Gaiás ata mañá co obxectivo de comezar a establecer canles fluídas de intercambio de ideas e de cooperación entre o mundo da cultura e o da empresa.

-Encontro Internacional Economía e Cultura na web da CdC.