CELEBROUSE EN LOCALIZACIÓNS DE INTERESE ARQUITECTÓNICO DO 2 AO 11 DE MARZO

Máis de 2.700 espectadores acudiron aos concertos do Festival ''Portico do Paraíso' de Ourense que copatrocinou Cultura e Educación

  A Capilla Flamenca, José Manuel Álvarez&Andreu Riera, Raquel Alâo&Daniel Oliveira, Alexander Melnikov e The Orlando Consort conformaron a programación

  O director da Agadic destacou o carácter precursor do evento canto á súa combinación de financiamentos públicos e privados

Máis de 2.700 espectadores acudiron aos concertos do Festival ''Portico do Paraíso' de Ourense que copatrocinou Cultura e Educación
[03/04/2012]
Máis de 2.700 persoas acudiron aos concertos programados na quinta edición do Festival Internacional de Música de Ourense “Pórtico do Paraíso”, que se celebrou do 2 ao 11 de marzo en distintas localizacións de interese arquitectónico da cidade, copatrocinado pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a través da Agadic.
O financiamento achegado pola Xunta de Galicia materializouse nun convenio de colaboración asinado o pasado mes de febreiro entre a Agadic e a Asociación Pórtico Musical, unha entidade cun ano de funcionamento creada para apoiar a realización do IV Festival Internacional de Música de Ourense "Pórtico do Paraíso", que este ano asumiu ademais a organización do evento.
 
O importe establecido no convenio é de 12.000 euros, o que supón o 13% do orzamento total do Festival, que ascende a 90.000 euros. O Concello de Ourense achegou o 55% desa cantidade e diversas empresas ourensás o 32% restante.

Modelo precursor
A Xunta de Galicia, que xa tivera colaborado na edición de 2011, volveu deste xeito a  apoiar un Festival, que segundo as palabras do director da AGADIC, Juan Carlos Fasero, “combina unha programación artística de moi alto nivel coa utilización do patrimonio arquitectónico da cidade, e é precursor dun modelo de financiamento público-privado cara onde deberán ir derivando todos os festivales, para garantir a súa supervivencia”.
 
“Pórtico do Paraíso” naceu en febreiro de 2008 para traer a Ourense solistas e grupos musicais de prestixio, utilizando como salas de concertos lugares tan emblemáticos como a Catedral de San Martiño, as iglesias de Santa María Nai, Santa Eufemia A Real e Santiago das Caldas, o Liceo e o Teatro Principal. Paralelamente se celebraron mesas redondas, conferencias e clases maxistrais durante os dez días que dura el evento. A Catedral de Ourense, cuxo pórtico dá título ao evento, ten un especial protagonismo, pois nela ábrese cada edición cun concerto de música sacra.
 
A programación deste ano conformárona os concertos da Capilla Flamenca, José Manuel Álvarez&Andreu Riera,  Raquel Alâo&Daniel Oliveira, Alexander Melnikov e The Orlando Consort, ademais de distintas actividades complementarias como os encontros cos artistas ou a conferencia a cargo do pianista Julián Carrillo.

A iniciativa contou co respaldo da crítica e cunha grande asistencia de público, que disfrutou dos cinco recitais programados e do resto de actividades ofertadas.