Cultura e Educación leva a escena os versos de Celso Emilio Ferreiro cun concerto de homenaxe ao escritor este venres en Celanova

  Actuacións musicais en directo, recitais e proxeccións audiovisuais recuperan a obra e a figura do poeta nunha gala que se celebrará o 13 de abril en Celanova e que conta coa colaboración do concello

  A actriz María Mera será a encargada de presentar o acto, que contará coas actuacións musicais de María do Ceo, Luís Emilio Batallán e Davide Salvado

  O secretario xeral de Cultura, o director da Agadic, o alcalde de Celanova e mais os artistas María do Ceo e Luís Emilio Batallán presentaron hoxe a programación do concerto, que tamén se realizará no mes de xuño en Vigo

Cultura e Educación leva a escena os versos de Celso Emilio Ferreiro cun concerto de homenaxe ao escritor este venres en Celanova
[10/04/2012]
A vila natal de Celso Emilio Ferreiro acollerá o venres 13 de abril un concerto de homenaxe ao escritor dentro do programa que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria promove para celebrar o centenario do seu nacemento. Música en directo, recitais e proxeccións difundirán os versos do poeta de Celanova.

A gala, que será conducida pola actriz María Mera no Auditorio Municipal de Ilduara de Celanova (AMIC) a partir das 20:00 horas, está aberta á participación de toda a cidadanía con carácter gratuíto.

A iniciativa foi presentada esta mañá polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Juan Carlos F. Fasero; o alcalde de Celanova, Antonio Mouriño; e dous dos artistas que actuarán na homenaxe, a cantante María do Ceo e o cantautor Luís Emilio Batallán, nunha rolda de prensa que tivo lugar na Cidade da Cultura.
 
Actuacións musicais, recitais e proxeccións audiovisuais
Segundo afirmou Anxo Lorenzo, o concerto inclúe espectáculos musicais, recitais en directo e diversas proxeccións audiovisuais que “permitirán afondar na achega que Celso Emilio Ferreiro lle ofreceu a Galicia tanto no plano creativo como para a construción social colectiva”. O director da Agadic detallou o contido da homenaxe, que contará coas actuacións musicais de María do Ceo, de Luís Emilio Batallán e de Davide Salvado, así como con recitais poéticos a cargo do escritor Luís González Tosar e mais de escolares de Celanova.
 
Durante todo o acto tamén se proxectarán diversos vídeo-poemas que terán como protagonista a obra de Celso Emilio Ferreiro a través da voz de diferentes persoeiros, entre eles María do Carme Krückemberg, Isaac Díaz Pardo, Miro Casabella, Míchel Salgado, Manuel Manquiña, Ibrahim Lang e mais a muller e a filla do poeta homenaxeado, Moraima e Isabel Ferreiro, respectivamente.
 
A Consellería de Cultura e Educación e o Concello de Celanova promoven este concerto homenaxe a Celso Emilio Ferreiro, que tamén conta coa colaboración da Fundación Celso Emilio Ferreiro e da Deputación Provincial de Ourense.
 
Concerto homenaxe en Vigo
Segundo confirmou o secretario xeral de Cultura, “o concerto deste venres en Celanova non vai ser único, xa que o vindeiro mes de xuño a consellería tamén celebrará en Vigo –outro centro de referencia na vida de Celso Emilio Ferreiro– un espectáculo musical de homenaxe ao poeta”.
 
Finalmente, Anxo Lorenzo recordou que “este 2012, Ano Celso Emilio Ferreiro, ten que ser un revulsivo para a popularización da obra do poeta e para favorecer un afondamento na reflexión sobre a súa traxectoria vital e profesional”. “Nesa dirección –engadiu– desde a Consellería de Cultura e Educación faremos todos os esforzos para darmos cumprimento a estes obxectivos”.
 
Confirmación de asistencia
As persoas interesadas en asistir ao concerto poden facelo con confirmación previa no enderezo electrónico secretaria.xeral.cultura@xunta.es ou no teléfono 981 544 814.

-Programa de actividades do Ano Celso Emilio Ferreiro.
-Vídeo: declaracións do secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, sobre o concerto.