PERMANERÁ ABERTA NO ESPAZO ARTÍSTICO DA PRAZA DA QUINTANA ATA O MES DE XUÑO

O presidente da Xunta de Galicia inaugurou na Casa da Parra a exposición 'Confluencias. Jaime Quessada/Xaime Quesada Blanco 1975/2006'

  Referiuse á mostra como a proba de que "no noso caso, a palabra tradición non é sinónimo de rémora senón de estímulo"

  Di que esa maneira de ser ponse a proba nos momentos difíciles como os de hoxe, xa que compre botar a vista atrás para buscar nos ollos dos nosos antergos a inspiración necesaria; “mirar ao noso redor para atopar exemplos de superación”

  Destaca que ese relevo xeracional patente nesta obra, fai que o seu título adquira un enorme significado. “Con esta exposición realízase un reencontro entre dous homes que definen boa parte da nosa recente historia artística”

O presidente da Xunta de Galicia inaugurou na Casa da Parra a exposición 'Confluencias. Jaime Quessada/Xaime Quesada Blanco 1975/2006'
[13/04/2012]
Alberto Núñez Feijóo referiuse á exposición “Confluencias. Jaime Quessada/Xaime Quesada Blanco 1975/2006” como a proba de que “no noso caso, a palabra tradición non é sinónimo de rémora senón de estímulo”. “Os galegos -dixo- tamén pintamos sobre o que xa estaba pintado, aproveitando a herdanza dos devanceiros”.

Ao longo da súa intervención, o titular da Xunta afirmou que esa maneira de ser ponse a proba nos momentos difíciles como os que hoxe nos toca vivir, xa que compre botar a vista atrás para buscar nos ollos dos nosos antergos a inspiración necesaria; “mirar ao noso redor para atopar exemplos de superación”. E un deses exemplos de superación atópase, segundo salientou, nesta exposición.

“Xaime Quessada Porto leva a pintura, o cartelismo, o gravado, a escultura, o muralismo galegos a todos os recunchos do mundo. Stuttgart, México, La Habana ou Madrid acollen a súa ollada sobre a realidade. Xaime Quesada Blanco pinta, en palabras de Alfredo Conde, ‘a luz que aínda non vemos’. Na súa man desembocan desde Caravaggio a Kandinsky, desde o cine de Kubrick ata a música de Doors, pero sobre todo nesa man está presente o pai que vía pintar de neno. O máis fermoso é pensar que a súa obra inspirará a outros e a outros, facendo así certa a idea que moitas veces expresaba seu pai. ‘Son inmortal’, dicía con sorna. O tempo demostra que tiña razón. Contemplamos aquí unha obra inmortal que contribúe á inmortalidade de Galicia”.

Feijóo concluíu destacando que ese relevo xeracional patente nesta obra, fai que o seu título, ‘Confluencias’, adquira un enorme significado. “Con esta exposición realízase na Casa da Parra un reencontro entre dous homes que definen boa parte da nosa recente historia artística, pero tamén hai un simbolismo aplicable ao noso país. A nosa biografía como pobo non se fai con sobresaltos. Hai nela sufrimento e dor, como sucede na evolución de todas as comunidades do mundo, pero sempre sobresae unha feliz continuidade que permite aproveitar o mellor do pasado sen que iso lastre o futuro”.

Vínculos afectivos e creativos
"Confluencias" busca establecer un diálogo entre a obra pictórica de Jaime Quessada (1937-2007) e a do seu fillo Xaime Quesada Blanco (1975-2006), ao tempo que propón unha reflexión sobre os puntos de encontro entre ambas producións a raíz dos fortes vínculos afectivos e artísticos entre os dous creadores ourensáns.

Organizada pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais) e en colaboración coa Fundación Xaime Quesada Blanco de Ourense, a mostra exhibe unha coidada escolma dunha trintena de obras moi significativas en ambas traxectorias a través das que se propicia un novo e simbólico encontro artístico entre pai e fillo. Contouse, para este fin, coa participación directa de María Jesús Blanco –viúva e nai dos artistas, así como presidenta da devandita Fundación– como comisaria da exposición xunto a Pilar Corredoira.

As 32 pinturas e debuxos que reúne a mostra –aproximadamente a metade de cada un dos creadores– foron realizados a partir de finais da década dos setenta no caso de Jaime Quessada e desde mediados dos noventa, no de Xaime Quesada Blanco, describindo en conxunto un argumento creativo que ten como eixo central o universo persoal e artístico compartido por ambos. Incídese, pois, nas referencias comúns, aínda que constatando as lóxicas diferenzas estilísticas e xeracionais que, pola súa banda, servirán como referencia para entender a evolución da pintura galega nas últimas décadas do século XX. O percorrido complétase cun documental duns vinte minutos de duración realizado a partir de material audiovisual inédito sobre ambos artistas.
 
A exposición ofrecerá ao público unha nova e excelente oportunidade de se achegar á produción pictórica de Jaime Quessada como figura de referencia na arte galega do século XX, cunha relevante significación como artista e intelectual comprometido co seu tempo que transmite desde os diferentes ámbitos a través dos que desenvolve a súa obra: pintura, cartelismo, gravado, escultura, muralismo e literatura. Afondarase, ao tempo, na curta pero intensa traxectoria artística de Xaime Quesada Blanco, quen interpretou e incorporou o legado do seu pai desde unha perspectiva propia, non exenta de compromiso e carga experimental, na que destaca a súa temperán vocación e paixón polo emprego das novas tecnoloxías e as poéticas xeométricas.

Ata o 30 de xuño
“Confluencias. Jaime Quessada/Xaime Quesada Blanco 1975/2006”, coa que se inaugura a programación de 2012 na Casa da Parra, pode visitarse ata o 30 de xuño neste edificio da emblemática praza da Quintana, onde permanece aberta de martes a sábado de 11.00 a 14.00 e de 16.30 a 20.00 horas e os domingos de 11.00 a 14.00 horas. O acceso é gratuíto.