Novas
Cultura e Educación organiza as 'Xornadas de Emprendemento nas Industrias Culturais' para difundir no ámbito universitario as oportunidades de negocio neste sector económico
Facilitarán o encontro entre alumnos e expertos en industrias culturais e no sector turístico ao longo de catro sesións que se celebrarán nos campus da Coruña, Vigo, Santiago e Ourense
A iniciativa desenvólvese a través da Agadic e conta coa colaboración da Consellería de Traballo e Benestar e das tres universidades galegas
[16/04/2012]
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria organiza do 18 ao 26 de abril nos campus da Coruña, Pontevedra, Santiago e Ourense as 'Xornadas de Emprendemento nas Industrias Culturais' para dar a coñecer e poñer en valor a iniciativa empresarial e as oportunidades de negocio vinculadas á cultura e ao turismo.Desenvolvidas a través da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais) en colaboración coa Dirección Xeral de Promoción do Emprego da Consellería de Traballo e Benestar e as tres universidades galegas, as xornadas celebraranse ao longo de 4 sesións nas que o alumnado terá acceso ás experiencias achegadas por expertos e profesionais.
O primeiro destes encontros, deseñados coa inclusión de conversas cos especialistas convidados, mesas redondas e reunións técnicas, terá lugar este mércores 18 de abril na Universidade da Coruña. A Facultade de Ciencias da Comunicación acollerá ás 9:30 horas o acto inaugural a cargo da conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato Otero, en tanto que o conselleiro Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Jesús Vázquez Abad, realizará a apertura da última das sesións, prevista para o xoves 26 de abril no Campus de Ourense, dentro da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo da Universidade de Vigo. As restantes xornadas celebraranse o xoves 19 de abril en Pontevedra, en concreto na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación da Universidade de Vigo, e o mércores 25 de abril na Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela.
Plan de empresa
Os asistentes poderán coñecer, da man de expertos na materia e empresarios do sector, as particularidades dos eidos máis destacados desta industria, así como as fortalezas, as debilidades, os obstáculos e as oportunidades de negocio que existen á hora de levar a cabo un proxecto de emprendemento. Tamén se trasladará información práctica xurídica e económica sobre axudas dispoñibles, créditos, tramitacións e demais cuestións administrativas relacionadas coa posta en marcha dun plan de empresa. As sesións están deseñadas dun xeito práctico, para facilitar a interacción mediante o debate entre os relatores e as quendas de preguntas dos asistentes. Tamén se formará unha mesa redonda ao final de cada encontro para realizar unha posta en común e sintetizar as principais conclusións.
A estrutura dos encontros é dunha xornada de mañá, repartida en varias sesións de traballo temáticas, que comezarán cunha conferencia e proseguirán cunha serie de conversas con membros destacados do sector das industrias culturais así como con novos emprendedores, fundamentalmente pertencentes ás industrias musical e audiovisual, que son as que presentan maior volume de negocio e visibilidade en Galicia. No caso do campus de Ourense incluirase a variante de relacionar as oportunidades de emprendemento na industria cultural co sector turístico, debido ao perfil dos estudantes asistentes ese día.
Participantes
Así, entre os participantes nos encontros figuran o director da Agadic, Juan Carlos Fernández Fasero, quen explicará as claves para coñecer as particularidades deste sector en Galicia; así como o profesor da Universitat de Valencia e destacado investigador nesta materia, Pau Rausell, que afondará na relación entre as industrias culturais e o turismo. Con respecto aos emprendedores, completan o programa Antón Reixa, presidente de Filmanova; Paco de Pin, director de Nordesía Producións; Adolfo Ponte e Roberto Morlán, codirectores de Innoav; Julio Gómez, director de Sinsal Audio; Fernanda Mirón, directora de Orion Congress, e Elías González, oleiro e director do Centro Oleiro Reitoral de Gundivós.
As xornadas están organizadas academicamente sobre a demostración científica de que a industria cultural está a ser un dos sectores que mellor resiste a crise económica e que se ten configurado como un eido con gran capacidade de proxección e de xeración de emprego. Constitúe, por tanto, unha importante opción de cara ao futuro laboral dos novos titulados e tituladas, sobre todo en eidos converxentes con este sector, como son a comunicación, o turismo ou a administración de empresas.
-Programa e participantes nas xornadas.





















