Novas
A Xunta promove o emprendedurismo nas industrias culturais mediante unha xornada na USC na que participou o mestre Pau Rausell
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a de Traballo e Benestar organizan esta serie de encontros que rematarán en maio no campus de Ourense
Jesús Oitavén suliñou os datos que dan a coñecer o dinamismo dun sector que destaca pola súa capacidade para crear emprego a pesar do contexto de crise e Amparo González salientou que Traballo facilita asesoramento e acompañamento técnico aos emprendedore
A achega académica realizouna Rausell, en tanto que Julio Gómez (de Sinsal Audio) e Antón Reixa (de Filmanova) interviñeron como representación profesional
[25/04/2012]
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a de Traballo e Benestar continúan a desenvolver as Xornadas de Emprendemento nas Industrias Culturais, que se celebran estes días nos campus universitarios galegos, cunha sesión hoxe en Santiago que contou coa participación do mestre valenciano Pau Rausell. O encontro, que tivo lugar no auditorio da Facultade de Ciencias de Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela (USC), foi inaugurado polo secretario xeral técnico de Cultura e Educación, Jesús Oitavén, e a directora directora xeral de Promoción do Emprego, Amparo González, e o decano José Pereira. Nela participaron, ademais de Pau Rausell como experto e investigador na materia, Antón Reixa (de Filmanova) e Julio Gómez (de Sinsal Audio), en representación profesional.
Oitavén destacou que “Galicia é unha terra cun gran capital en creatividade, tradición e patrimonio natural e artístico. Sen dúbida, un bo xeito de conducir ese potencial pasa polas industrias culturais”. Destacou, así mesmo, que segundo os datos do INE as empresas culturais e creativas galegas aumentaron o seu número nun 1,11% respecto a 2010 e nun 3,43% respecto a 2008, elevando tamén o seu peso relativo no tecido galego ata un 6,89%. “Confírmase deste xeito –dixo- o dinamismo do sector, que destaca tamén pola súa capacidade para xerar emprego aínda en contextos de crise e que, a pesar da súa atomización, conta con empresas de referencia internacional e cun gran potencial de crecemento comparado incluso con sectores máis maduros”.
Pola súa banda, González sinalou que Traballo “facilita o necesario asesoramento e acompañamento técnico aos emprendedores, de forma que dispoñan dun apoio profesional tanto na fase de posta en marcha da actividade como nos primeiros anos de funcionamento da súa empresa, a través da Rede de Axentes de Emprego e no marco das políticas activas de emprego”.
Cultura implica riqueza
Pau Rasell, profesor do departamento de Economía Aplicada da Universidade de Valencia e un dos máis destacados investigadores a nivel nacional sobre a interacción entre cultura/territorio/desenvolvemento, explicou os resultados dos seus estudos, inseridos nun proxecto europeo en colaboración con emprendedores de diversos países. Unha das súas principais conclusións é que as rexións máis ricas son aquelas con máis xente traballando no sector cultural, o que eleva a este como cuarto piar do desenvolvemento. Neste sentido, destacou que os efectos da industria cultural sobre o territorio non son só “unha cuestión de glamour territorial”, senón que teñen que ver coa riqueza, é dicir, co PIB por habitante. Tamén se referiu ao comportamento das industrias culturais no contexto económico e a súa maior resistencia fronte á crise. Apuntou ademais que, no sector cultural, as necesidades financeiras para iniciar unha nova actividade son bastante inferiores á media e que a taxa de supervivencia das empresas é maior. Explicou que isto se debe en gran parte a que o 95% dos emprendedores da cultura se constitúen en microempresas (nun 60% dos casos formadas por un só traballador, na meirande parte con estudos universitarios). A debilidade principal é que estas empresas están máis dispostas a aceptar unha taxa de rendibilidade menor e os empregados perciben soldos habitualmente máis baixos.
Pau Rausell tamén se referiu subvencións públicas, das que subliñou que, en contra do que se pensa en moitos casos, as industrias culturais perciben practicamente as mesmas contías en axudas públicas que os demais sectores. Recoñeceu porén que as empresas culturais dependen máis da demanda pública, para engadir que, na súa opinión, os proxectos non poden depender de se terán subvención ou non. “Desde o punto de vista empresarial non penso que sexa o máis axeitado”, concluíu o especialista.
Tras o profesor Rausell interveu Julio Gómez, director de Sinsalaudio, unha das iniciativas máis innovaoras de Galicia no eido musical, xa que está concibida como un colectivo multidisciplinar que abrangue desde a representación de artistas ata o comisariado de proxectos e a xestión cultural. Gómez sinalou que a marca de identidade da súa actividade é a aposta pola innovación baseada nas distintas manifestacións do son e o abano de posibilidades que abre. Tamén se referiu ás particularidades propias do seu sector, así como aos obstáculos que teñen que sortear os emprendedores das industrias culturais para consolidar os seus proxectos empresariais.
Antón Reixa, que pechou a quenda de intervencións, definiuse como un produtor que vén da creación, xa que despois de trinta anos de carreira neste eido iniciou a súa andaina empresarial como produtor, á fronte do Grupo Filmanova, no ano 1999. Manifestou que as industrias culturais e a produción audiovisual está no marco dunha industria sustentable porque a materia prima é o talento e o capital necesario é o capital humano. Sinalou tamén que os emprendedores son imprescindibles neste sector, no que cómpre combinar dous factores aos que ter un inmenso respeto: “o diñeiro e os usuarios da cultura”, enumerou. Nesta argumentación, engadiu que a industria audiovisual “traballa con cartos públicos, pero non tanto como se pensa -puntualizou- e con investidores privados, e en ambos casos os empresarios deben ser especialmente transparentes, aplicando unha xestión na que non vale o malditismo de pensar que nunca vai haber recursos para o meu". Con respecto aos usuarios da cultura, destacou que eles son a razón de ser de todo este entramado, xa que sen eles non terían ningún sentido as industrias culturais.
No eido empresarial, Reixa lembrou que un dos proxectos dos que se sinte máis orgulloso foi o de levar ao cinema o libro O lapis do carpinteiro, de Manuel Rivas, no que tivo que facer un gran exercizo de creatividade como produtor, buscando todos os recursos económicos posibles para levar a bo porto o proxecto.
Clausura en Ourense
As Xornadas de Emprendemento en Industrias Culturais, que se iniciaron a semana pasada na Coruña e continuaron en Pontevedra, serán clausuradas no campus de Ourense, nun acto no que está prevista a presenza do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a principios do mes de maio.
Organizadas pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) en colaboración coas universidades galegas, a súa finalidade é dar a coñecer ao alumnado e a todas as persoas con espírito empresarial as potencialidades empresariais e as oportunidades de negocio vinculadas ao sector da cultura, que congrega máis de 3.800 empresas en Galicia, das que o 96% son microempresas.





















