Novas
Cultura e Educación amosa o traballo en proceso do novo espectáculo do Centro Coreográfico Galego na Semana da Danza de Lugo
‘Aínda’, que se estrea o próximo 25 de maio na Coruña, céntrase nunha peza do mesmo título creada por Mercedes Suárez e Amaury Lebrum e complétase coa coreografía de Nacho Duato ‘Jardí Tancat’
[26/04/2012]
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria participa na Semana da Danza de Lugo cunha mostra do traballo en proceso de Aínda, o próximo espectáculo do Centro Coreográfico Galego, que terá lugar hoxe xoves ás 20:30 horas no Auditorio Municipal Gustavo Freire como primeiro encontro cos espectadores da nova proposta da compañía pública. Deste xeito, o público do certame organizado polo Conservatorio Profesional de Danza e o Concello de Lugo será o primeiro en coñecer parte da nova proposta da compañía institucional galega que será estreada o 25 de maio no Teatro Rosalía Castro da Coruña.
Aínda, con dirección artística de Mercedes Suárez e interpretación a cargo de seis bailaríns e bailarinas, está composto por dúas pezas coreográficas: Aínda, de Mercedes Suárez e Amaury Lebrum; e Jardí Tancat, de Nacho Duato. O espectáculo mestura a danza contemporánea coa tradicional galega, co obxectivo de reflectir o potencial da cultura de Galicia. Sendo máis próxima ao estilo contemporáneo, ten porén un marcado carácter galego, xa que se introducen xestos da danza popular de total expresividade. A música está inspirada tamén en melodías tradicionais galegas.
Para a interpretación de Jardí Tancat, o CCG conseguiu os dereitos de representación desta peza, a primeira creación e unha das máis emblemáticas de Nacho Duato, que foi estreada polo Nederlands Dans Theatre en 1983 e forma parte na actualidade do repertorio do Ballet de Teatres. A montaxe, reestreada no Teatro Albéniz de Madrid en 1992 no inicio da etapa de Duato como director da Compañía Nacional de Danza, está debuxada por solos, dúos e momentos corais, que adquiren unha profunda impresión de ligazón á terra.
O Centro Coreográfico Galego, dependente da Consellería de Cultura e Educación a través da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais) colabora deste xeito coa Semana da Danza de Lugo, un evento para o encontro e a exhibición coreográfica que se desenvolve do 23 ao 27 de abril en distintos espazos da capital luguesa cara a conmemoración do Día Internacional da Danza, que se celebra o 29 de abril.
-Cartel da Semana da Danza de Lugo.




















