O violinista Enrico Casazzo e La Magnifica Comunità interpretan unha escolma de 'La Cetra' de Vivaldi no concerto inaugural do Via Stellae

  O festival, organizado pola Consellería de Cultura e Educación mailo Concello de Santiago, celébrase en distintos escenarios de Santiago de Compostela do 2 ao 13 de xullo

  As entradas poden mercarse xa na billeteira do Teatro Principal e en Novagaliciabanco a un prezo de 8 euros

O violinista Enrico Casazzo e La Magnifica Comunità interpretan unha escolma de 'La Cetra' de Vivaldi no concerto inaugural do Via Stellae
[29/06/2012]
O festival Vía Stellae inicia a súa sétima edición co concerto inaugural o luns 2 de xullo de La Magnifica Comunità, agrupación que comanda o gran violinista italiano Enrico Casazza. Interpretarán unha coidada escolma de La Cetra, título conxunto de dúas coleccións de concertos de Vivaldi, a partir das 20.30h no Teatro Principal de Santiago.

Organizado pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria mailo concello de Santiago con José Víctor Carou como director artístico, Via Stellae 2012 celebrarase ata o 12 de xullo en distintos escenarios da cidade de Santiago de Compostela.

As entradas, a un prezo de 8 euros para o primeiro concerto, están xa á venta en Novagaliciabanco e na billeteira do Teatro Principal, que permanece aberta no seu horario habitual (de martes a sábado de 18 a 21h) e que durante os días do festival manterá un horario especial: desde as 16.30h ata a hora de inicio do concerto.
 
La Magnifica Comunità naceu como complexo instrumental barroco en 1990. Articula a propia actividade en numerosas formacións que van desde o trío ata a orquestra de cámara, colaborando con solistas vocais, conxuntos corais e directores invitados (Reinhard Goebel e Simone Kermes, entre outros). Ofreceu numerosos concertos en prestixiosas salas, tanto en Italia como no resto do mundo recibindo unánimes loubanzas de público e  crítica. Co “Choc da Musique” recibido polo cuarto volume dos quintetos de Boccherini (Brilliant), La Magnifica Comunità revelouse como unha das formacións camerísticas máis recoñecidas no ámbito internacional. Na actualidade están rexistrando a integral dos Quintetti de Boccherini.

A formación que inaugurará Via Stellae está integrada por Enrico Casazza, director e violín solista; Isabella Longo e Gianpiero Zanocco, violíns; Elena Confortini,  viola; Giuseppe Mulè, violoncello; Daniele Carnio, contrabaixo; e Davide Pozzi, clave.

Dúas coleccións de concertos para violín
Interpretan, tal e como explica Pablo Queipo de Llano nas notas ao programa, dúas coleccións de concertos para violín de Antonio Vivaldi, ambas de 12 concertos cada unha, que portan o mesmo título de La Cetra, antigo nome da cítara ou a lira empregado como símbolo mitolóxico dos instrumentos de corda, e aquí certeiramente asociado ao concepto de cetro de poder. O feito de que estean datadas en anos consecutivos –o Opus IX, publicado pola imprenta de Le Cène en 1727, e La Cetra manuscrita en 1728–, e que teñan como mesmo dedicatario ao emperador Carlos VI, suscita certos interrogantes acerca do motivo que impulsou a Vivaldi a duplicar no arco dun só ano a súa ofrenda musical ao emperador.
 
O caso é que senllas coleccións homónimas son ben diversas –o que acentúa o seu carácter enigmático– posto que tan só comparten o concerto en si menor RV 391 e o movemento conclusivo dos concertos en do maior RV 181a e RV 183. La Cetra manuscrita, entregada seguramente en man polo compositor ao augusto dedicatario, consérvase, en partes separadas autógrafas, na Biblioteca Nacional de Viena coa lamentable perda da parte do violín solista, razón pola cal coñeceu unha difusión moito menor que a da súa “irmá maior”. Por fortuna, sete dos doce concertos incompletos de Viena consérvanse noutras fontes que permiten a restitución orixinal das obras.
 
En calquera caso, ambas coleccións están consideradas un "soberbio florilexio da madura arte concertística vivaldiano", que atopa nestes concertos una das súas cimas máis elegantes e refinadas. La Cetra manuscrita, da que o luns se ofrecerán catro concertos, posúe un carácter máis emblemático que o do Opus IX, pois aglutina algúns dos concertos para violín máis soados e significativos saídos da pluma do Prete Rosso, entre eles o magnífico Il favorito RV 277 en mi menor (núm. 11 da colección, publicado en 1729 como Op. XI núm. 2), cuxo distinguido apelativo responde moi probablemente á predilección do emperador.

O programa inclúe en primicia a reestrea do Concerto para violín, cordas e baixo continuo en Si bemol maior RV 360 (La Cetra núm. 1), despois da reconstrución de parte da partitura perdida do violín solista realizada para a ocasión por Pablo Queipo de Llano.

-Web de Via Stellae.