SERÁN ÁS 20.00 HORAS NA ZONA

O festival Via Stellae ofrece mañá en Santiago dous concertos especiais dedicados ao violagambista Marin Marais e á compositora Bárbara Strozzi

  La Bellemont é a a grupación que presenta ‘La voix de la viole, Marin Marais’ mentras que as ‘Cantatas, lamentos e cancións de Bárbara Strozzi’ serán interpretadas pola soprano Mercedes Hernández e Fernando Reyes á tiorba

  As entradas para o concerto de La Bellemont son a 3 euros; en tanto que o de Strozzi é de balde. Cconvites e entradas poden recollerse na billeteira do Principal a partir das 16.30h

O festival Via Stellae ofrece mañá en Santiago dous concertos especiais dedicados ao violagambista Marin Marais e á compositora Bárbara Strozzi
[05/07/2012]
A xornada de mañá venres 6 do Via Stellae dedícase ao violagambista francés Marin Marais e á compositora italiana Bárbara Strozzi, dúas figuras da música universal que protagonizarán senllos concertos ás 20.00 na Zona “C” por La Bellemont e ás 22.00 na Igrexa da Universidade coa soprano Mercedes Hernández e o tiorba Fernando Reyes.

 
O festival organizado conxuntamente pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria mailo Concello de Santiago entra así no seu quinto día consecutivo de desenvolvemento en Compostela e faino con dúas novidosas propostas. O ensemble La Bellemont que integran Sara Ruiz (viola da gamba), Rafael Muñoz (tiorba) e Laura Porto (clave) ocuparanse da interpretación do recital titulado La voix de la viole, Marin Marais; en tanto que a soprano Mercedes Hernández e o tiorba Fernando Reyes executarán Bárbara. Cantatas, lamentos e cancións de Bárbara Strozzi.

As entradas para o concerto de La Bellemont poden mercarse a un prezo de 3 euros na billeteira do Teatro Principal; onde tamén se poden recoller os convites para o concerto de Strozzi, que é con entrada de balde pero previa retirada de invitacións.
 
Marais e a viola
Como escribiu Titon du Tillet, “Marais levou á viola ao seu máis alto grao de perfección e foi o primeiro en dala a coñecer en toda a súa extensión e toda a súa beleza”. Fillo dun humilde zapateiro, Marin Marais (París, 1656-1728) formouse como neno de coro en Saint-Germain-l’Auxerrois antes de pasar a estudar con Jean de Sainte-Colombe, o gran mestre da viola francesa, quen foi o seu primeiro e ao parecer único profesor e viu no seu discípulo a un intérprete de viola que podería ser igualado pero non superado. Na Corte desenvolvería toda a súa carreira artística e xa aos vinte anos se atopaba en Versalles como membro da Academia Real de Música. A maior parte das obras deste programa son Pièces de caractère, unha forma musical que comezou a utilizarse a principios do século XVIII en Francia.
 
La Bellemont
Tras varios anos colaborando profesionalmente con prestixiosos grupos de música antiga (Al Ayre Español, Camerata Iberia, Orquesta Barroca de Sevilla, Armonico Tributo Austria, Los músicos de su Alteza…), Sara Ruiz, Rafael Muñoz e Laura Porto crean o ensemble La Bellemont coa intención de fundir nunha nova formación as súas pretensións de lograr un son de grupo completamente persoal producindo interpretacións baseadas nunha gran solvencia técnica e un grao máximo de implicación coa música que conseguisen conmover ao oínte. Con estas premisas afrontan o seu primeiro proxecto discográfico La voix de la viole ao redor da obra de Marin Marais. O traballo final foi xenerosamente aclamado pola crítica internacional, conseguindo o galardón de “Cinco diapasóns” que concede a prestixiosa revista francesa Diapasón.
 
Barbara sempre. Texto de Fernando Reyes
“Barbara Strozzi (1619-1677) foi unha das figuras musicais máis importantes da Venecia do século XVII. Oito libros de cantatas, lamentos, motetes e cancións son a sua obra editada; ademáis conservamos outras cantatas editadas en libros colectivos ou manuscritas. As composicións de Barbara, filla adoptiva do poeta Giulio Strozzi, mostran o dominio do novo estilo creado por Claudio Monteverdi, a segunda práctica, no que as palabras modelan, condicionan, inspiran e sobre todo dan forma e sentimento á música; ese estilo no que o obxectivo principal é "mover os afectos", provocar emocións. Xunto con Francesco Cavalli, Ziani, Cazzatti, Merula e algúns outros, forma parte desa xeración de compositores que proxectaron as liñas trazadas polo xenial mestre de San Marcos e consolidaron as bases para o desenvolvemento do canto nos séculos seguintes...”
 
Mercedes Hernández, soprano
Naceu en Santiago de Compostela. Estudou canto, especializándose en música antiga no Conservatorio de Toulouse, na Musikhochschule de Trossingen e na Schola Cantorum Basiliensis. Colabora en concertos e gravacións con destacados grupos como La Capella Reial de Catalunya, (Jordi Savall), Le Parlement de Musique (Martin Gester), La Fenice (Jean Tubery), etc., e actuou tamén en moitos dos principais auditorios e festivais de Europa e de América. En 2002 debutou no Gran Teatre del Liceu co rol de Ninfa da ópera de Claudio Monteverdi L'Orfeo dirixida por Jordi Savall.
 
Fernando Reyes, tiorba
Iniciou a súa formación musical na Escolanía da Catedral de Santiago de Compostela. Especializouse no Conservatorio de Toulouse e na Staatliche Hochschule fur Musik de Trossingen con Rolf Lislevand. Como instrumentista realiza unha intensa actividade de concertos e gravacións ao longo de toda Europa. Alén diso, compuxo e dirixiu a música de diversas obras teatrais e publicou varios artigos sobre música antiga, guías musicais e libros-cd. Con Mercedes Hernández formou o grupo Resonet e gravaron os compactos La Grande Chanson, Santiago!: música e peregrinacións no Renacemento, Les Pellerines, Il Pellegrino: a viaxe de Cosme III de Medici, Canto de nadal, Cantares Galegos: Rosalía de Castro, Canto de Ultreia: Codex Calixtinus, Músicas para as festas de Santiago e Festa Dies: Consagración da catedral de Santiago de Compostela.

-Web do festival Via Stellae.