Novas
AS ENTRADAS PODEN RETIRARSE NA BILLETEIRA DO TEATRO PRINCIPAL, ABERTA TODOS OS DÍAS DESDE AS 16.30 HORAS
O sábado poderase escoitar a Dan Bartà&Robert Balzar Trío e o domingo a Iva Bittová. Haberá unha degustación de cervexa checa Staropramen no Abastos EGC
Paulo p. presentará ‘A gaita contemporánea, un paso máis’ e celebrarase a primeira cita de Jazz no Mercado con Alberto Vilas Quinteto
O festival organizado pola Xunta de Galicia mailo concello de Santiago continúa a súa celebración ata o 13 de xullo
Via Stellae propón unha variada fin de semana musical con catro concertos de sabor checo, gaita contemporánea e jazz
O sábado poderase escoitar a Dan Bartà&Robert Balzar Trío e o domingo a Iva Bittová. Haberá unha degustación de cervexa checa Staropramen no Abastos EGC
Paulo p. presentará ‘A gaita contemporánea, un paso máis’ e celebrarase a primeira cita de Jazz no Mercado con Alberto Vilas Quinteto
O festival organizado pola Xunta de Galicia mailo concello de Santiago continúa a súa celebración ata o 13 de xullo
[06/07/2012]
O Via Stellae ofrece esta fin de semana en distintos espazos de Santiago catro concertos de moi diferentes estilos, desde a música checa de Dan Bartá&Robert Balzar Trío ata o jazz de Alberto Vilas Quinteto, pasando por un achegamento á gaita contemporánea da man de Paulo p. con Berta Fresco ao piano ou as cancións de violín a cargo de Iva Bittová.O festival estará presidido os próximos dous días polo 'Espírito Checo' xa que presenta, en colaboración co Centro Checo, dous concertos e unha degustación de cervexa orixinal da República Checa o sábado ás 20.00h, no Abastos EGC. Dúas horas despois, Dan Bárta&Robert Balzar Trio tocarán no Teatro Principal; e a Iva Bittová actuará o domingo ás 20.30h na Igrexa da Universidade.
Ademais das citas anteriores, o sábado haberá música contemporánea ás 19.00h no CGAC, onde Paulo p. e Berta Fresco presentan ‘A gaita contemporánea, un paso máis’ e o domingo celebrarase o primeiro dos concertos do epígrafe Jazz no Mercado, dentro do que Alberto Vilas Quinteto presenta ‘Experianza’. Será ás 22.30h na Praza de Abastos.
As entradas para todos os concertos do festival, que organizan a Xunta de Galicia e o Concello de Santiago, poden mercarse na billeteira do Teatro Principal (Rúa Nova, 21) a partir das 16.30h. Os prezos son de 2euros para ‘A gaita contemporánea’; 8 euros para Dan Bartá; e 4 euros para Jazz no Mercado. As localidades para Iva Bittová serán de balde pero cómpre retirar os convites na mesma billeteira.
Paulo p. e Berta Fresco
Paulo p. é licenciado en frauta de bisel e historia e ciencias da música. Membro do consort A Imagem da Melancolia; foi chamado regularmente para tocar con distintos grupos de música antiga ou para programas en solitario, así como para numerosos proxectos discográficos. Nos últimos tempos céntrase nos seus escritos literarios, na composición musical e en permanecer vertical.
Berta Fresco estudou no Conservatorio de Vitoria obtendo premio de honra fin de carreira. Realizou un posgrao na Royal Academy of Music de Londres e nos conservatorios de Utrecht e Amsterdam. Foi premiada nos concursos de Gernika, Else Cros Piano Prize e Lilian Davies Prize de Londres, Cidade de San Sebastian e Albacete. Actualmente compaxina a súa actividade concertística coa docencia, como profesora de piano no Conservatorio Profesional de Vigo.
Dan Bárta e Robert Balzar Trio
Gravaron o seu primeiro disco acústico baixo título Theyories. un disco que contén arranxos propios de cancións de artistas de sona mundial que influiron moito en Dan Bárta durante a súa carreira de canto, por exemplo, The Police, The Cult, Jamiroquai, Simply Red, Björk, Led Zeppelin, ACDC e, ademais, un coral do século XIII. Xuntos misturaron e masterizaron o seu primeiro disco común no prestixioso estudo Sear Sound en Nova York baixo a dirección de James Farber (un profesional cunha reputación avalada por colaboracións en álbums de Brad Mehldau, Bruce Springsteen, All Jarreau, John Scofield, etc.) e contando ademais coa colaboración de Mark Wilder, gañador de varios premios Grammy.
O trío formado en 1996 por Robert Balzar (contrabaixo), Stanislav Mácha (piano) e Jií Slavíek (batería), é un dos grupos de jazz máis desatacados da República Checa. Interpreta o seu propio repertorio e cancións doutros artistas. Gravou cinco álbums, un deles co excelente guitarrista de jazz John Abercrombie co que levou a cabo unha xira moi exitosa na República Checa, Eslovaquia e Inglaterra. Participou en varios festivais en Estados Unidos, Turquía, Suecia, Hungría e outros países.
Dan Bàrta é un dos máis apreciados intérpretes checos dos últimos anos, é un músico multifacético e coñecido non só na República Checa senón tamén no resto do mundo; é gañador de varios premios de música, entre eles o premio checo da academia da música popular Andl. Artista invitado nos concertos de Bobby McFerrin, Dan Bárta actúa a miúdo co trío de jazz Robert Balzar Trio e xuntos gravaron o seu novo álbum Theyories.
Destacada cantante e violinista checa, naceu nunha familia de músicos, en Bruntál. Estudou en Brno e alí empezou a actuar como actriz e cantante no teatro de vangarda Husa na provázk. Con este teatro viaxou polo mundo e máis tarde decidiu mudarse aos Estados Unidos onde vive actualmente. Pasou por varios xéneros musicais dende o jazz, o rock, a música clásica ou a ópera, e obtivo un grande éxito nos seus concertos en Bruxelas, Amsterdam, Barcelona, Toquio, Londres, Nova York e París. Leva máis de vinte e cinco anos dedicada ao que denomina o seu "folclore persoal" e ao seu traballo como violinista.
Jazz no Mercado: Experianza
Experianza é un proxecto persoal, sincero e sentido que nace da vida decantada do pianista de Redondela Alberto Vilas. Unha proposta fresca, con raíces asentadas na tradición galega e frondosas pólas nas que se mesturan múltiples sonoridades. Bill Evans, Keith Jarrett, Thelonious Monk..., a Experianza de Vilas medrou alimentada pola forza da música académica, tanto clásica como contemporánea, pero na súa identidade subxace a música americana dos 40, 50 e 60. Un certo tipo de improvisación, de linguaxe, de son. Un swing que o quinteto ao que dá nome matiza cun toque europeo, e ata africano, e máis coa influencia decisiva dos seus referentes galegos.
O Alberto Vilas Quinteto está formado por cinco músicos profesionais procedentes de estilos tan distintos como o blues, o rock, o folk, o funk, a música clásica e o tango. Todos eles teñen unha ampla formación en conservatorios e comparten a paixón pola música improvisada, espontánea. Dende hai un par de anos traballan xuntos na busca dunha voz propia que os identifique, explorando novos terreos no campo da creatividade e da innovación, sen deixar de beber das fontes musicais do pasado, do presente e do futuro. Hai moito de todos eles en Experianza ata o punto de que, segundo asegura Alberto Vilas, sen a súa paixón e forza o disco non existiría. O Quinteto está formado por Alberto Vilas, piano; Felipe Villar, guitarra; Juansy Santomé, contrabaixo; Rosolino Marinello, saxofóns; e Javier Barral Carro, batería.





















