Novas
Vázquez Abad presenta a programación do Centro Dramático Galego de 2013 centrada na figura de Roberto Vidal Bolaño
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria anunciou que o CDG producirá dúas obras do autor ao que se lle dedicará o próximo Día das Letras Galegas: “Días sen gloria” e “Touporroutou da lúa e do sol”
Entre as actividades que a compañía pública promoverá en lembranza do dramaturgo compostelán, destacan ademais unhas xornadas audiovisuais, un ciclo de lecturas dramatizadas e a creación dun premio ao espectador que levará o seu nome
[30/07/2012]
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, presentou hoxe a programación dedicada á figura e obra de Roberto Vidal Bolaño que o seu departamento ten previsto desenvolver en 2013 a través do Centro Dramático Galego (CDG) e que inclúe a produción das súas obras Días sen gloria e Touporroutou da lúa e do sol.Ademais de poñer en escena estas dúas das pezas asinadas polo dramaturgo compostelán (1950-2002), a compañía pública promoverá unha serie de actividades divulgativas arredor do autor ao que o ano que vén se lle dedicará o Día das Letras Galegas e figura clave na historia do teatro profesional galego.
Vázquez Abad adiantou as principais accións deste programa especial como avance da nova temporada escénica 2012-2013 do CDG, que dará comezo o 5 de outubro coa estrea de O profesional, de Dusan Kovacevic. Xunto co titular de Cultura e Educación, participaron neste acto Anxo Lorenzo, secretario xeral de Cultura; Juan Carlos F. Fasero, director da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais); Manuel Guede Oliva, director do Centro Dramático Galego; e Belén Quintáns, viúva de Roberto Vidal Bolaño.
Homenaxe histórica
Na súa intervención, o conselleiro subliñou que o CDG –para o que propio autor desenvolveu traballos como dramaturgo, director, adaptador, deseñador de iluminación, escenógrafo ou actor nunha decena de espectáculos– buscará converterse no principal “catalizador das accións escénicas que acompañen a promoción da admirable figura e da magnífica obra de Roberto Vidal Bolaño”, en consonancia coa transcendencia que para as artes escénicas galegas ten o feito de que, por primeira vez na súa historia, a Real Academia Galega decidira homenaxear no Día das Letras Galegas a un autor dramático.
En palabras de Xesús Vázquez Abad, esta celebración “canoniza un autor que, ademais, decidiu consagrar a súa vida profesional á práctica escénica en Galicia e en galego”. “E iso –engadiu– transcende a exclusiva dimensión literaria para abrir un horizonte que percorre o mundo da cultura galega na súa dimensión escénica e audiovisual”.
Esta programación bolañana terá unha especial incidencia no traballo de produción propia do Centro Dramático Galego, que ten previsto estrear a primeiros de abril unha montaxe para público adulto a partir do texto Días sen gloria, coa que realizará unha xira por Galicia e Portugal ata finais de xuño. Xa no segundo semestre de 2013, levará ás táboas a obra de teatro infantil Touporroutou da lúa e do sol, a través da que tamén se implicará aos máis pequenos na lembranza e recoñecemento a Vidal Bolaño.
Accións divulgativas
Ademais da posta en escena destas dúas producións, que elevarán a sete o número de obras de Vidal Bolaño no repertorio do CDG (xunto con Agasallo de sombras en 1984, Aburla do galo en 2000, Mar revolto en 2001, Laudamuco, señor de ningures –inserida en Daquel abrente, espectáculo conmemorativo do 25 aniversario do teatro profesional galego– en 2003 e As actas escuras en 2010), a unidade teatral da Consellería de Cultura e Educación desenvolverá as xornadas Roberto Vidal Bolaño: unha memoria audiovisual. Seguindo o modelo tradicional dos cineclubes, o Salón Teatro acollerá durante 2013 a proxección das gravacións de diferentes producións teatrais asinadas polo autor homenaxeado, trala que se abrirá un coloquio conducido por un especialista na súa obra.
Entre as accións promocionais e divulgativas previstas, destaca igualmente o ciclo de lecturas dramatizadas que o CDG organizará en colaboración coas aulas de teatro universitario da Coruña, Santiago e Ourense. Este programa desenvolverase a partir do mes de marzo e principalmente no ámbito das mostras de teatro universitario, que en Galicia destacan pola súa gran capacidade de mobilización de espectadores, principalmente estudantes universitarios, aos que se achegará deste xeito o legado do dramaturgo compostelán.
Premio para os espectadores
Tamén en 2013 instituirase o Premio Roberto Vidal Bolaño ao Espectador, vinculado ao Salón Teatro e de carácter anual, que terá como obxectivo estimular a participación activa do público que sigue a programación do espazo escénico que xestiona o Centro Dramático Galego.
Un xurado integrado polos propios traballadores da compañía pública valorará o interese, a brillantez e o tino de todas as suxestións, opinións ou comentarios que os espectadores fagan chegar a través das fichas que poderán cubrir e depositar na urna que se situará á saída de cada unha das representacións neste escenario. O espectador galardoado recibirá un abono anual para asistir de balde a todas as funcións do Salón Teatro, así como as obras completas de Roberto Vidal Bolaño.





















