Cultura e Educación patrocina o concerto de The Jayhawks en Santiago como nova incorporación ao ciclo Galicia Importa

  A banda norteamericana tocará o 27 de setembro na Sala Capitol na que será a súa primeira actuación en Galicia trala reagrupación da formación orixinal

  Mañá póñense á venda as entradas para este concerto, así como para o de Mavis Staples o 6 de novembro no Auditorio de Galicia e os de Therapy? e Saint Etienne os días 15 e 16 de novembro, respectivamente, no Mondo Club de Vigo

  O departamento que dirixe Vázquez Abad apoia, a través da Agadic, a programación que por quinto ano consecutivo desenvolve a produtora Sweet Nocturna

Cultura e Educación patrocina o concerto de The Jayhawks en Santiago como nova incorporación ao ciclo Galicia Importa
[31/07/2012]
O ciclo de concertos Galicia Importa, patrocinado pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, abrirá a súa programación de outono con The Jayhawks, que tocarán o 27 de setembro na Sala Capitol de Santiago. A banda de Minneapolis súmase así ao cartel no que figuran, ademais, Mavis Staples, Therapy? e Saint Etienne.

As entradas para o concerto do 27 de setembro, así como para os tres de novembro (o Auditorio de Galicia de Santiago acollerá o de Mavis Staples o día 6 e o Mondo Club de Vigo os de Therapy? e Saint Etienne os días 15 e 16 , respectivamente), poderán adquirirse a partir de mañá, 1 de agosto, a través das súas canles habituais de venda: a web www.servinova.com, o teléfono 902 504 500 e a rede Ticketmaster (Halcón Viajes, Carrefour, tendas Tipo, FNAC...).
 
Cualificado pola crítica como un dos grupos máis influentes no seu estilo –definido como country-rock alternativo, folk-rock ou americana, entre outros–, o grupo ofrecerá na Capitol a súa primeira actuación en Galicia trala reagrupación do seu núcleo fundacional: Mark Olson, quen abandonara a banda en 1995, Gary Louris e Marc Perlman. Xunto con Tim O’Reagan e Karen Grotberg, tamén membros habituais da formación, gravaron o disco Mockingbird Time (2011), oitavo álbum de estudio de The Jayhawks que presentan agora en directo.
 
Carteleira descentralizada
Co apoio da Consellería Cultura e Educación a través da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais), a produtora viguesa Sweet Nocturna desenvolve por quinto ano consecutivo esta iniciativa, consolidada xa como referente dentro da programación de música contemporánea en Galicia. O ciclo vén promovendo desde 2008unha carteleira xeográfica e temporalmente descentralizada, en salas de aforo reducido, quesitúa os escenarios galegos no mapa da distribución europea de figuras de recoñecemento internacional en moi diferentes estilos.
 
É o caso de The Jayhawks, aos que os especialistas conceden un destacado lugar entre os grupos de referencia do rock americano das últimas dúas décadas, pese a non teren acadado un rotundo éxito comercial. O de Santiago de Compostela será un dos catro concertos que protagonizarán en España o vindeiro mes de setembro, durante o que tocarán tamén en Barcelona, Madrid e Bilbao como segunda entrega da xira europea que comezaron no primeiro semestre do ano.
 
Esta quinta edición do ciclo, que inauguraron o pasado mes de marzo The Jon Spencer Blues Explosion e Thurston Moore, ofrecerá a continuación outras tres destacadas citas para os seguidores de tres estilos musicais tan diferentes como o soul de Mavis Staples, recoñecida como unha das lendas vivas da música negra estadounidense, o hard rockdos norteirlandeses Therapy? e o pop electrónico do trío londiniense Saint Etienne.
 
Coa incorporación de The Jayhawks súmase, pois, un sexto nome ao cartel de 2012 de Galicia Importa, que este ano ten previsto desenvolver un total de sete actuacións e chegar, deste xeito, aos 28 concertos celebrados na Coruña, Pontevedra, Santiago de Compostela ou Vigo. Entre eles, mencionando algúns dos que provocaron maior expectación, figuran os de Peter Doherty, Bonnie “Prince” Billy, Aloe Blacc, Bettye Lavette, Richard Hawley, Joan Baez, Yo La Tengo, Rufus WainWright, Interpol, Eli “Paperboy” Reed, Alice Cooper, Teenage Fanclub, dEUS, Gogol Bordello ou Tindersticks.

-Web de Galicia Importa.