Juan Carlos Fernández Fasero deixa a dirección da Agadic por motivos persoais

  A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria agradece a Fernández Fasero o labor realizado neste posto durante máis de tres anos

Juan Carlos Fernández Fasero deixa a dirección da Agadic por motivos persoais
[25/10/2012]
O Consello da Xunta de Galicia aprobou hoxe o cesamento de Juan Carlos Fernández Fasero como director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic). A súa saída da Dirección da Agadic débese a motivos persoais, xa que se incorporará a novos proxectos na empresa privada, e prodúcese máis de 3 anos despois do seu nomeamento, en xullo de 2009.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, da que depende a Agadic, agradece o labor desenvolvido por Fernández Fasero ao longo desta etapa, a prol da dinamización da cultura galega desde os artistas de base, e deséxalle moito éxito nos novos retos que vaia asumir. Así mesmo, valórase moi positivamente a súa achega, sempre desde a responsabilidade, para o mantemento da actividade cultural dependente da Axencia, especialmente nestes momentos de crise económica.

Juan Carlos Fernández Fasero cursou estudos universitarios de Física e grao superior de Guitarra no Conservatorio Profesional de Música de Ourense, así como diferentes especializacións en materia de son profesional e guitarra clásica. Antes da súa incorporación á Dirección da Agadic, Fernández Fasero desempeñou cargos de responsabilidade na Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM) e na Asociación Galega de Productoras Fonográficas (Agaphono).