Novas
A Xunta de Galicia configurará a súa política de industrias culturais sobre dez ámbitos de actuación económica e empresarial
A Consellería de Cultura presentou hoxe ao Consello da Xunta un informe elaborado pola Agadic con medidas para favorecer a dinamización e a competitividade do sector cultural galego.[15/09/2011]
A Consellería de Cultura e Turismo presentou hoxe no Consello da Xunta o informe 'As industrias culturais e creativas galegas: presente e futuro', no que se propoñen dez liñas de actuación destinadas a favorecer a dinamización e competitividade do sector cultural galego a nivel económico e empresarial.Elaborado pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), o documento baséase na potencialidade das empresas culturais galegas como xeradoras de emprego e riqueza para identificar medidas concretas nos ámbitos do emprego, o emprendemento e a promoción empresarial, a formación, a xestión de fondos europeos, a internacionalización, o emprego de novos instrumentos como a co-creation e o crowdfunding, a agrupación de clústeres ou o incremento inversor e a visibilidade social.
Partindo das conclusión tiradas do estudo de 2010, As cifras da industria cultural galega: análise cuantitativa, segundo o que este sector emprega a máis de 17.500 persoas e factura anualmente por riba dos 1.100 millóns de euros, establécense agora unha serie de obxectivos a curto prazo, entre os que destacan a promoción do emprego xuvenil e a absorción de masa laboral procedente doutros sectores.
Valor engadido
A creatividade e os sinais identitarios e culturais propios incrementan, ademais, o valor engadido da industria cultural galega que, segundo este informe, ten como prioridades a medio e longo prazo o aumento do seu peso específico sobre o PIB, a súa consolidación como motor económico e a súa internacionalización.
O documento presentado hoxe no Consello da Xunta incide tamén na necesidade de establecer políticas culturais transversais, dando prioridade a aqueles proxectos que favorezan o desenvolvemento dunha formación básica e especializada de profesionais das industrias culturais, especialmente en ámbitos como os da xestión empresarial, así como a creación de novas empresas e a maduración das xa existentes.
Neste sentido, a Agadic centrará a súa actividade no apoio á industria cultural a través de programas específicos para o acceso ao financiamento das empresas do sector, o impulso da competitividade e profesionalización do capital humano, e a adaptación e aproveitamento no ámbito das novas tecnoloxías, entre outros apartados. Os fondos europeos representan, así mesmo, unha oportunidade para canalizar novos proxectos de apoio á industria cultural, que se dotará ademais de programas específicos de acceso aos mercados internacionais a través das oficinas de promoción no exterior, entre outros instrumentos.
O informe destaca igualmente novas fórmulas de apoio ás empresas, que teñen demostrado a súa eficacia no actual contexto económico. Destacan neste apartado a co-creacion, instrumento para o intercambio de experiencias e oportunidades de negocio a través da organización de encontros entre empresas de diferentes sectores ou/e zonas xeográficas, e o crowdfunding, destinado á creación de plataformas que, mediante micro-achegas económicas particulares, permita a posta en marcha de novas iniciativas.
Asociacionismo
As medidas propostas esténdense tamén ao asociacionismo profesional, no sentido de impulsar a posta en marcha dun único clúster galego das industrias culturais e creativas, que agrupe os distintos clústeres e asociacións que conviven actualmente no sector cultural (produto gráfico, libro, audiovisual, música, escena, servizos para eventos, etc.) e se converta en interlocutor principal ante a Administración pública.
A optimización dos recursos económicos a favor dun investimento orientado fundamentalmente á xeración de emprego, ao mantemento do mesmo e á consolidación deste tecido industrial, así como o impulso da visibilidade social do sector cultural como motor económico, completan este programa de propostas, a través do que se aposta pola a calidade, a creatividade, o turismo e o patrimonio como eixos económicos de futuro.

























