INTERPRETOU UNHA ESCOLMA DE DEZ TEMAS, CON ESPECIAL FINCAPÉ NO SEU ÚLTIMO TRABALLO DISCOGRÁFICO, KOSMOGONÍAS

Berrogüetto protagonizou en Copenhague un dos éxitos do programa de concertos de Womex

  O grupo galego puxo en pé ao público especializado que encheu a sala do Koncerthuset onde se desenvolveu a actuación, promovida por Sounds from Spain.

  A Agadic apoia a participación de Galicia na máis importante feira internacional de música de raíz, á que este ano se desprazaron un total de sete empresas.

Berrogüetto protagonizou en Copenhague un dos éxitos do programa de concertos de Womex
[28/10/2011]
Berrogüetto protagonizou esta noite un dos éxitos do programa de showcases de Womex (World Music Expo) en Copenhague, onde ofreceu un concerto que rematou cunha gran ovación do público especializado que encheu a sala. A actuación dos galegos pechou o cartel no Koncerthuset da plataforma Sounds from Spain, da que forma parte a Agadic.

Ante un auditorio integrado fundamentalmente por axentes, distribuidores e prensa musical de diferentes países, os sete membros de Berrogüetto interpretaron unha escolma de 10 temas seleccionados entre o seu repertorio máis coñecido, con especial fincapé no seu último traballo discográfico, Kosmogonías, do que soaron Nadir, Líridas de abril, Bailador, Igneominea, Planeta can e Danza de Meirol. A expectación xerada pola banda galega tralo seu directo en Womex deixábase notar hoxe no recinto feiral, de xeito que ao espazo habilitado para a difusión da marca Galiciantunes dentro do stand de Sounds from Spain continuaban chegando numerosas felicitacións por un concerto que rematou con todo o público en pé.
 
Berrogüetto, que acaba de celebrar o seu décimo quinto aniversario como unha das máis sólidas e coherentes formacións da música folk galega, compartiu cartel con outras dúas propostas procedentes de senllas comunidades autónomas seleccionadas por Sounds from Spain para este evento: Diego Guerrero y El Solar de Artistas por Andalucía e Epheminity Ejazz con Jota (Carmen París e Melissa Aldana) por Aragón. Embaixadora da celebración do Ano da Música de Galicia, a banda fixo gala do seu excelente momento creativo, despois de ter recibido o Premio de la Música 2011 á mellor canción en galego e antes de presentar en Galicia o libro-DVD-CD titulado Berrogüetto. O pulso da terra, realizado a xeito de biografía con música en directo.
 
Representación comercial
A Agadic colabora coas asociacións profesionais Agaphono (Asociación Galega de Produtoras Fonográficas) e AGEM (Asociación Galega de Empresas Musicais) no apoio á delegación artística e comercial galega que se desprazou ata a capital dinamarquesa para participar nesta feira, a máis importante de todas as que se celebran no ámbito da música de raíz a nivel mundial. Así, Galicia conta tamén con representación de sete empresas, que están a desenvolver unha intensa actividade comercial na procura de consolidar e ampliar a proxección exterior dos grupos e artistas galegos: ademais de Berrogüetto Producións, Fisterra.biz, Fol Music, Mare, Nalgures Producións, Nordesía e Xosé Manuel Budiño.
 
Por segundo ano consecutivo, o stand de Sounds from Spain contou cun espazo reservado á difusión da marca Galiciantunes, dende o que se está a distribuír un cd dobre no que se recolle a produción musical galega máis recente dividida por xéneros en pop-rock e jazz (cd1) e roots (cd2), ofrecendo neste último caso temas de Berrogüetto, Uxía, Ialma, Xosé Manuel Budiño, Loaira, Liorna, Riobó, Assembly Point, Vaamonde, Lamas & Romero, Leilía, Bellón Maceiras Quinteto, Marful, Fred Martins e Ugía Pedreira, Projecto Trepia, ISGA Collective e Manu Clavijo.
 
Máis de 2.400 participantes
Copenhague acolle desde o mércores 26 e ata o vindeiro domingo día 30 a décimo sétima edición da World Music Expo, na que están a participar máis de 2.400 axentes de 94 países. Produtores, distribuidores, axentes de managemet, artistas e demais profesionais vinculados á música folk, de raíz ou tradicional danse cita nesta feira, que rexistra unha intensa actividade arredor de 260 expositores, ademais de ofrecer un amplo programa de concertos, conferencias e proxeccións audiovisuais.
 
Con administración permanente en Alemaña, Womex mantén unha filosofía itinerante e supón unha cita ineludible para todos os axentes do sector. Galicia, en concreto a Cidade da Cultura en Santiago de Compostela, opta a acoller a partir de 2014 este encontro, cuxa organización xa anunciou que nos dous próximos anos mudará a súa sede a Tesalónica (2012) e Cardiff (2013), despois de se celebrar durante tres anos consecutivos na capital dinamarquesa.

-Web de Berrogüetto.
-Web de Womex.