Vinte compañías galegas, cinco espazos de exhibición e cinco xornadas de actividade artística e comercial converten á Feira Galega das Artes Escénicas 2009 na gran cita do ano cos profesionais da nosa escena, á que están convidados programadores, distribuidores e demais axentes culturais de toda a Península. A Consellería de Cultura e Turismo, a través da AGADIC, organiza en Santiago de Compostela unha nova edición deste encontro, consolidado xa como espazo de referencia para a compravenda de espectáculos galegos de teatro e danza.
O centro neurálxico da actividade feiral volverá situarse no Auditorio de Galicia, trala positiva experiencia que na edición anterior significou a concentración nun mesmo espazo da oficina de coordinación, os stands de empresas do sector, dous dos escenarios de exhibición, as mesas de debate e o restaurante. Mantense, pois, como obxectivo prioritario garantir a comodidade e o dinamismo na interacción entre os profesionais asistentes, sen esquecer o fomento do intercambio comercial no que incide, así mesmo, o programa de bonificacións á distribución exterior.