Nova carteleira para 2012 no Salón Teatro

O Salón Teatro de Santiago comeza a súa programación para 2012 cunha carteleira bimestral que inclúe cinco espectáculos de teatro, un de danza contemporánea e dúas proxeccións de cinema. O espazo escénico que xestiona o Centro Dramático Galego (CDG), dependente da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais), iniciará coa estrea do último espectáculo da compañía galego-portuguesa Voadora este primeiro período de actividade anual, durante o que rexistrará un total de 15 xornadas con funcións dirixidas ao público.

Así, Voadora presenta o venres 13 ás 21.00 horas e o sábado 14 ás 20:30 Tokio3, unha fábula musical sobre o paraíso futuro que supón a última entrega da triloxía Lugares comúns. A montaxe é un relato épico e intimista sobre o que esperamos da vida, sobre o que soñamos, sobre o paraíso e sobre como encaixa todo isto nunha sociedade onde o inmediato, o constante e o material deixa pouco espazo ao espiritual/emocional. Trátase dunha fábula sobre o paraíso natural que anhelamos e sobre o mundo artificial que nos espera. Deste xeito, o espectáculo fala sobre os soños e os pequenos espazos da vida cotiá que se poden converter en paraísos, nun exercicio escénico no que se debuxan as razóns do amor e se perfilan os motivos da esperanza.

O espazo escénico transformarase en sala de cinema para acoller o luns 16 ás 20.30 horas a presentación da versión orixinal subtitulada ao galego de Pa Negre, a película de Agustí Villaronga vencedora dos Premios Goya 2011 e candidata española ao Oscar 2012 ao mellor filme de fala non inglesa. O filme do cineasta mallorquín sitúa a historia nos duros anos da posguerra rural en Cataluña. Andreu, un neno que pertence ao bando dos perdedores, encontra no bosque os cadáveres dun home e o seu fillo. As autoridades queren cargarlle as mortes ao seu pai, pero el, para axudarlle, intenta descubrir quen son os auténticos responsables. A entrada para asistir a esta proxección é de balde, previo paso polo despacho de billetes, que permanecerá aberto desde as 18.30 horas. Poderán retirarse ata dúas localidades por persoa.

Teatro Galileo porá en escena o venres 20 e sábado 21 ás 20.30 horas Sempre quixen bailar un tango, espectáculo realizado a partir da obra pola que Teresa González Costa recibiu o Premio Álvaro Cunqueiro para Textos Teatrais 2008. Pedro Rubín dirixe a un elenco integrado por Fernando Morán, Isabel Blanco, Ana Santos e Tanas que dá vida a esta traxicomedia sobre as cousas que deixamos sen facer e sen aprender ao longo da nosa existencia. Un texto intelixente e uns actores excepcionais que nos farán rir, chorar, emocionarnos...

Talía Teatro instalarase durante dúas semanas no Salón Teatro para ofrecer catro funcións de dous dos seus últimos espectáculos. Así, o sábado 28 ás 20.30 horas e o domingo 29 ás 18.00 horas a compañía de Cee representará Pelos na lingua, un espectáculo de Avelino González, Sechu Sende, María Ordóñez e Artur Trillo que se estrutura en sketches para reflexionar sobre a situación do uso da lingua galega. Avelino González dirixe o trío interpretativo que compoñen María Ordóñez, Toño Casais e Artur Trillo.

Asemade, o venres 3 e o sábado 4 de febreiro, ás 20.30 horas, actuará con Volpone, de Ben Johson, con dramaturxia e dirección de Roberto Salgueiro e interpretación de Artur Trillo, Toño Casais, María Ordóñez, Dani Trillo, Marta Ríos, Diego Rey, Gustavo G. Dieste, David Creus e Rubén Prieto. Esta divertida comedia retrata satiricamente a nobres e non tan nobres señores, que teñen como principal interese reunir fortunas sen importar o ridículo que teñan que facer nin o custo que outros teñan que pagar.

O cinema volverá ocupar o Salón Teatro o mércores 8 ás 20.30 horas coa proxección da curtametraxe Conversa cunha muller morta, de Sonia Méndez. Luís Zahera e Camila Bossa protagonizan esta historia sobre un home que acaba de saír do cárcere e unha muller que volta de entre os mortos para ter unha conversa con el.

A escena máis innovadora será a protagonista no espectáculo de danza contemporánea dirixido e creado por Ana Vallés Usted está aquí, a cargo de Licenciada Sotelo e compañía (10 e 11 de febreiro ás 20.30 horas). Natxo Montero e Nuria Sotelo interpretan sobre o escenario distintos momentos dun xogo de ambigüedades: o público e o privado, o masculino e o feminino.

Finalmente, Inversa Teatro porá en escena Paper Dolls. O silencio das damas os días 17 e 18 de febreiro ás 20.30 horas. Baixo a dirección de Lola Correa, Vanesa Sotelo e Marta Pérez recrean as paisaxes da vida de dúas mulleres calquera para convidar á reflexión sobre o que foi e o que é o universo feminino. A través da identificación e a procura de non personaxes atopamos a mentira oculta no cotián e a conciencia escondida, no aprendido e no aprehendido. Paper Dolls é un conxunto de material visual que, a través dos pasos de dúas mulleres, inventa situacións, exterioriza pensamentos e xoga a desafiar ao tempo pasado recreándoo nun presente ambiguo.