Danza 3
Cantigas e Agarimos, O Fiadeiro e Xacarandaina
A Agadic, en colaboración coa S. A. de Xestión do Plan Xacobeo, promove DANZA 3, un programa para a difusión da danza galega mediante o que as agrupacións de música e baile Cantigas e Agarimos, O Fiadeiro e Xacarandaina desenvolven un total de 9 actuacións noutros tantos concellos galegos polos que discorre o Camiño de Santiago.
O ciclo, que pricipiou o pasado 30 de decembro en Xinzo de Limia, estendarease ata o próximo 22 de xullo de 2012 en espazos abertos e recintos escénicos da Estrada, Tui, Arzúa, Vilalba, Palas de Rei, Narón, Melide e Padrón, ao que tamén contribúen as concellarías de Cultura das localidades participantes.
Cada unha das formacións realizará 3 representacións de cadanseu espectáculo. Así, Cantigas e Agarimos (de Santiago de Compostela) leva Lela, a súa interpretación da emblemática Os vellos non deben de namorarse con Javier Sanmartín na dirección de baile, Ramón Maril na dirección instrumental e Loli Santos na dirección de coro, aos escenarios de Xinzo, A Estrada e Palas.
O Fiadeiro (con base en Vigo) visitará con Esta noite hai unha fía Tui, Arzúa e Padrón, onde os espectadores poderán contemplar esta montaxe ideada por Miguel Souto na que 50 artistas ao longo de trece escenas debullan pezas de música e baile tomando como argumento os cantos propios dos oficios tradicionais exercidos en Galicia ata ben entrado o século XX.

Pola súa banda, Xacarandaina (con sede na Coruña) desprazarase a Vilalba, Narón e Melide con Galicien Amerika Linie, un espectáculo que se estrea dentro deste ciclo e que aborda o tema da emigración botando man dos bailes executados polo colectivo cun innovador espazo sonoro e audiovisual e baixo a dirección de Henrique Peón Mosteiro.
DANZA 3 é un proxecto integrador que ofrece as distintas interpretacións que sobre o folclore galego realizan, a través dos citados espectáculos, tres das agrupacións
máis recoñecidas que traballan na actualidade na investigación e difusión da música e o baile populares de Galicia.
No plano artístico, a iniciativa aúna as claves que fundamentan a recuperación do folclore galego e a súa consideración como un conxunto de saberes de gran valor (tanto o traballo de campo, como a compilación de material videográfico ou a edición e publicación de discos e monografías de base etnográfica) coa súa comunicación e representación utilizando os elementos habituais das exhibicións escenográficas: atrezzo, vestiario, deseño de iluminación, etc. O resultado tradúcese en postas en escena moi coidadas que presenvan, porén, a esencia do baile e a música populares.
Tanto Xacarandaina como O Fiadeiro e Cantigas e Agarimos levan unha década deseñando distintas entregas de DANZA 3, para o que teñen colaborado con diversas administracións na divulgación dunha parte esencial da cultura de Galicia e do noso patrimonio inmaterial. As tres entidades traballan pois, desde a súa fundación, coa música e o baile tradicionais como materias primas coas que construir experiencias visuais e sonoras para o público do século XXI, poñendo así a súa achega na creación e transmisión colectiva que supón a herdanza secular do folclore galego.
Calendario:
- - 30/12/2011 XINZO DE LIMIA (Pavillón de Deportes, 20:00 h) Cantigas e Agarimos
- - 28/01/2012 A ESTRADA (Teatro Principal, 21:00 h) Cantigas e Agarimos
- - 11/02/2012 TUI (Teatro Área Panorámica, 20:30 h) O Fiadeiro
- - 04/03/2012 ARZÚA (Recinto da Festa do Queixo) O Fiadeiro
- - 10/03/2012 VILALBA (Auditorio Carmen Estévez, 20:30 h) Xacarandaina
- - 24/03/2012 PALAS DE REI(Por confirmar) Cantigas e Agarimos
- - 14/04/2012 NARÓN (Pazo da Cultura, 20:00) Xacarandaina
- - 19/05/2012 MELIDE (Pavillón Polideportivo, 20:30 h) Xacarandaina
- - 22/07/2012 PADRÓN (Praza de Macías, 22:30 h) O Fiadeiro
Webs dos grupos participantes:
www.cantigaseagarimos.es
www.ofiadeiro.com
www.xacarandaina.com
























