Nova programación na Rede Galega de Teatros e Auditorios e na Rede Galega de Salas

Un total 44 teatros, auditorios e salas de toda Galicia acollen a programación do primeiro semestre de 2012 nos dous circuítos de exhibición escénica que promove a Agadic, en colaboración coas entidades públicas e privadas que xestionan os devanditos espazos: a Rede Galega de Teatros e Auditorios e a Rede Galega de Salas. Ambas redes presentan 113 espectáculos, de factura galega na meirande parte dos casos, ata completar un total de 427 funcións de teatro, danza, música, maxia e novo circo entre os meses de xaneiro e xuño.

Con máis de 15 anos de historia, a Rede Galega de Teatros e Auditorios constitúe unha das principais canles de encontro entre os espectadores e as compañías profesionais galegas, tal e como constatan as súas cifras para este primeiro período de programación de 2012 durante o que ofrecerá 336 funcións.

Nesta ocasión, 39 espazos de titularidade pública de 35 localidades acollen unha carteleira configurada polas últimas propostas de 72 compañías, entre as que sobresaen polo seu volume de funcións as distintas entregas da triloxía Citizen, de Chévere. As súas dúas primeiras partes e a versión completa deste Citizen Kane galego suman un total de 13 representacións en rede.

Cunha decena de funcións cada unha, ocupan tamén un lugar destacado outras dúas producións ben diferentes: a comedia aceda sobre a actualidade máis inmediata (crise, bancos, Europa, soidade individual…) do Último cowboy de Teatro do Noroeste, e a tenra historia do pequeno paxaro Pío no espectáculo homónimo da compañía Caramuxo, especializada en público infantil.

Nos últimos anos, as propostas para os espectadores máis pequenos veñen gañando un maior peso no conxunto da programación, tanto no caso da Rede Galega de Teatros e Auditorios –con 154 funcións especialmente dirixidas a un público infantil ou familiar– como no da Rede Galega de Salas, onde estes espectáculos comparten protagonismo con outro tipo de montaxes inscritas no ámbito das novas tendencias escénicas.

Integrada por dous espazos composteláns (ARTeria Noroeste e Sala Santart), dous vigueses (Teatro Arte-Livre e Teatro Ensalle) e un da Coruña (Teatro del Andamio), a Rede Galega de Salas programará ata xuño un total de 91 funcións, das que máis da metade se inscriben na oferta para público infantil.

A este primeiro ciclo de programación en ambos circuítos súmanse os concertos que se ofrecerán a partir de febreiro no seo da Rede Galega de Música ao Vivo. Así e xunto co programa nos concellos Camiños de Cultura, que se desenvolve exclusivamente nos meses de verán, estas redes dan forma á carteleira de exhibición escénica e musical máis ampla e completa de toda Galicia, tanto no que se refire ao número de funcións e localidades nas que se desenvolve, como á variedade da oferta e espectadores á que se dirixe.

Axenda:

A programación pode ser consultada a través da sección de axenda desta web, na que se habilitou un buscador de espectáculos por data da función, localidade, espazo, compañía/grupo e tipoloxía.