Nova programación de agosto a decembro na Rede Galega de Teatros e Auditorios

Un total de 46 teatros, auditorios e salas integran o máis amplo circuíto de distribución de espectáculos de Galicia, a Rede Galega de Teatros e Auditorios, que inicia en agosto o seu segundo período de programación anual promovido pola Agadic en colaboración cos concellos e demais entidades xestoras directas dos espazos participantes.

Nesta nova etapa, que se desenvolve ata decembro de 2012, a RGTA aposta polo máximo mantemento dos niveis de contratación nos 36 recintos que conforman unha carteleira de 324 funcións, entre as que se contan montaxes -tanto para público infantil como adulto- de teatro, danza, circo, maxia e concertos.


Cándido Pazó en Memoria das memorias dun neno labrego, de Abrapalabra Producións, é unha das obras máis programadas

Cunha destacada presenza das últimas producións galegas – xa que só 7 formacións artísticas das 84 participantes proveñen de fóra da nosa Comunidade –, o xénero teatral continúa a ser o máis frecuente na RGTA, cun total 221 representacións. No resto de categorías, serán 34 as función maxia que se poderán disfrutar no mesmo período, a mesma cifra que de concertos musicais, en tanto que as escenificacións de novo circo ascenden a 23 e a 11 as de danza.

Con máis de 15 anos de historia, a Rede Galega de Teatros e Auditorios constitúe unha das principais canles de encontro entre os espectadores e as compañías profesionais galegas, tal e como constatan as súas cifras para este segundo período de actividade de 2012, no que se investirán máis de 425.000 euros en contratacións para estes 5 meses (o que suma 850.000 euros no acumulado anual).


Nuncabunga, de Elefante Elegante, será unha das
producións máis vistas dentro da categoría de teatro infantil
(Foto: María Chenut)

A partir do mes de novembro sumarase á programación as propostas da Rede Galega de Salas (RGS), recintos de titularidade privada de aforo reducido, especializados algún deles en teatro infantil e en novas tendencias escénicas. Integran esta rede na actualidade dous espazos en Santiago de Compostela: ARTeria Noroeste e Sala Santart; dous en Vigo Teatro Arte-Livre e Teatro Ensalle; e un na Coruña: Teatro del Andamio.

Axenda:

A programación da RGTA pode ser consultada a través da sección de axenda desta web, na que se habilitou un buscador de espectáculos por data da función, localidade, espazo, compañía/grupo e tipoloxía