Confluencias Jaime Quessada / Xaime Quesada Blanco
1975 / 2006
Casa da Parra
Praza da Quintana, s/n. Santiago de Compostela
Do 12 de abril ao 2 de setembro de 2012
Acceso gratuíto
Horario: De martes a sábado, de 11.00 a 14.00 h e de 16.30 a 20.00 horas
Domingos, de 11.00 a 14.00 horas
Pecha os luns e festivos
Jaime Quessada
Autorretrato III
1998. Óleo sobre lenzo, 50x40 cm
Xaime Quesada Blanco
Autorretrato
1996. Óleo sobre lenzo, 75x60 cm
A exposición Confluencias ofrece os visitantes a posibilidade de asistir ao diálogo simbólico entre a obra pictórica de Jaime Quessada (1937-2007) e a do seu fillo, Xaime Quesada Blanco (1975-2006), ao tempo que propón unha reflexión sobre os puntos de encontro entre ambas producións a raíz dos fortes vínculos afectivos e artísticos entre os dous creadores ourensáns.
Organizada pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais) e en colaboración coa Fundación Xaime Quesada Blanco de Ourense, a mostra exhibe unha coidada escolma dunha trintena de obras moi significativas en ambas traxectorias a través das que se propicia un novo e simbólico encontro artístico entre pai e fillo. Contouse, para este fin, coa inestimable achega de María Jesús Blanco –viúva e nai dos artistas, así como presidenta da devandita Fundación– como comisaria da exposición xunto a Pilar Corredoira.
Jaime Quessada
El estudio I
1991. Óleo sobre lenzo, 175x175 cm
Jaime Quessada
La música I
1997. 175x175 cm
As 32 pinturas e debuxos que reúne Confluencias foron realizados a partir de finais da década dos setenta no caso de Jaime Quessada e desde mediados dos noventa, no de Xaime Quesada Blanco, describindo en conxunto un argumento creativo que ten como eixo central o universo persoal e artístico compartido por ambos. Incídese, pois, nas referencias comúns, aínda que constatando as lóxicas diferenzas estilísticas e xeracionais que, pola súa banda, servirán como referencia para entender a evolución da pintura galega nas últimas décadas do século XX.
A exposición ofrece ao público unha nova e excelente oportunidade de se achegar á produción pictórica de Jaime Quessada como figura de referencia na arte galega do século XX, cunha relevante significación como artista e intelectual comprometido co seu tempo que transmite desde os diferentes ámbitos a través dos que desenvolve a súa obra: pintura, cartelismo, gravado, escultura, muralismo e literatura.
Xaime Quesada Blanco
Kalidromus
2002. Técnica mixta sobre lenzo, 200x300 cm
Xaime Quesada Blanco
Win Zip XXI
2003. Técnica mixta sobre lenzo, 200x200 cm
Afóndase, ao tempo, na curta pero intensa traxectoria artística de Xaime Quesada Blanco, quen interpretou e incorporou o legado do seu pai desde unha perspectiva propia, non exenta de compromiso e carga experimental, na que destaca a súa temperán vocación e paixón polo emprego das novas tecnoloxías e as poéticas xeométricas.
O percorrido complétase cun documental duns vinte minutos de duración que ofrece material audiovisual inédito sobre ambos artistas –fundamentalmente entrevistas e gravacións realizadas nos seus respectivos estudios– con montaxe e postprodución de Miramemira e a colaboración da CRTVG.





















