Contra2 presenta o espectáculo "Gharbo!", en coprodución co Centro Coreográfico Galego

A compañía Contra2 presenta o seu segundo espectáculo, Gharbo!, para o que contou co apoio artístico e técnico do Centro Coreografico Galego (CCG) en réxime de coprodución. O resultado deste traballo conxunto, que se estrea o 10 e 11 de maio no Teatro Rosalía Castro da Coruña, é unha montaxe multidisplinar e anovadora na que a música e a danza tradicionais conviven con novas formas musicais e de movemento máis experimentais.

Con dirección coreográfica de Iván Villar e dirección musical de Nelson Quinteiro, Gharbo! está interpretado por un elenco de 3 bailaríns (co tándem formado por Iván Villar e Pastor Rodríguez apoiado por Quinteiro en momentos puntuais) e 4 músicos (Nelson Quinteiro, Ricardo Rozas, Suso Vaamonde e Xosé Lois Romero). Estes últimos prestan as súas voces a xeito de asubíos e coros, ademais de conformar un novo ambiente sonoro como resultado da interpretación en directo con guitarra, zanfona, acordeón, pedais e percusión.

Trátase da segunda montaxe de sala da compañía Contra2, que presenta nesta ocasión a fusión das danzas tradicional, clásica e neoclásica con outros sistemas de expresividade que evocan a danza moderna e mesmo o flamenco, aínda que sen perder a esencia da tradición galega.

A acción de Gharbo! desenvólvese nunha escenografía simbólica e compartida, que representa un típico galpón ou chabola mariñeira e onde o espazo se convértese nun ente propio e emocional que fala das lembranzas e das actitudes colectivas e de cada un dos intérpretes. O termo Gharbo! significa para eles esa capacidade compartida de saír adiante, ese trasno, maxia, elegancia e desenvoltura no movemento corporal.

Asistencia e asesoramento
O programa de coprodución do Centro Coreográfico Galego materializouse aquí a través da asistencia artística, musical e técnica (de luz e son), cesión de elementos escenográficos de atrezzo e vestiario, ademais dun servizo de análise, asesoramento e planificación de estratexias de xestión, financiamento e comercialización.

Para a consideración deste proxecto, seleccionado mediante convocatoria pública, valorouse especialmente a súa calidade e interese artístico, a traxectoria profesional e solvencia da compañía e dos artistas e a súa achega ao desenvolvemento e á renovación das artes escénicas en Galicia.

- Web do espectáculo