3Dtres

Centro Coreográfico Galego

Os coreógrafos Tony Fabre, Ángel Rodríguez e Amaury Lebrun asinan, respectivamente, as pezas Honey Moon, Dulce memoria e Magnificat, que foron creadas ex profeso para 3Dtres, última produción do Centro Coreográfico Galego estreada en xuño de 2011 na Coruña.

Os tres creadores, de recoñecida traxectoria internacional e ex integrantes, entre outras, da Compañía Nacional de Danza baixo a dirección de Nacho Duato, desprazáronse ata A Coruña para traballar directamente coas cinco parellas de bailaríns e bailarinas que interpretan 3DTres, así como co resto do equipo artístico, baixo a coordinación de Mercedes Suárez como directora do Centro Coreográfico e deste espectáculo.

Como o seu propio título indica, a nova proposta do Centro Coreográfico articúlase arredor de tres creacións ben diferenciadas canto a música, temas, vestiario e postas en escena, que porén teñen como denominador común a técnica empregada polas cinco parellas que as interpretan: un estilo totalmente contemporáneo, desenvolvido sobre unha sólida base de danza clásica. Irene Rubio, Ástrid Molinero, Lucía Antonella Sampieri, Fátima Fernández, Elena Chamorro, Carlos Ugarriza, Ariel A. Caramés, Juan M. Hernández, Miguel A. Ponte e Pablo Aradillas integran o corpo de baile.

Santi Mañasco, no deseño de iluminación; Nuria Barrio, Santos Salgado e María Villas, no de vestiario; Pixel Films, na montaxe audiovisual; e Yolanda González, na asistencia á dirección, forman parte tamén do equipo artístico que leva a escena esta quinta produción propia da compañía pública.

Renovación natural

Para este proxecto, Tony Fabre creou Honey Moon como un "poema en movemento" sobre música de Jean Poinsignon e do Steve Reich Ensemble. Nesta peza, o coreógrafo francés –autor de numerosos títulos para a Compañía Nacional de Danza 2, IT Dansa, Tulsa Ballet e Ballet Béjart Lausanne, entre outras formacións– constrúe con humor unha representación da evolución do mundo e dos ciclos da renovación da natureza.

En Dulce memoria, o madrileño Ángel Rodríguez propón un canto ás nosas lembranzas a través de dúos, tríos e cuartetos en continua progresión. Neste caso, a música medieval e renacentista é de Martín Códax e Tomás Luis de Victoria. De formación e traxectoria ecléctica, Rodríguez foi adxunto á dirección do Ballet Carmen Roche, ademais de ter creado pezas para destacadas compañías dentro e fóra de España, como a Nacional de Danza, a de Rafael Amargo ou o Balllet do Teatro Mijáilovski, así como para musicais, cine, publicidade, moda, etc.

Por último, Amaury Lebrun emprega música de Bach para Magnificat, a través da que busca trasladar ao espectador a un mundo de contrastes no que a utilización do tutú romántico preséntase en contraposición aos movementos máis contemporáneos. Este coreógrafo francés dirixe a súa propia compañía (Amaury Dance Company), traballo que combina con colaboracións habituais para outras formacións e festivais.

Para máis información: Centro Coreográfico Galego