Festival Via Stellae 2012
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais), colabora co Concello de Santiago de Compostela na organización do festival Via Stellae, que celebra a súa sétima edición do 2 ao 13 de xullo de 2012 con máis de 20 concertos en diferentes espazos da cidade.
A música antiga e barroca continúa a ser o eixo central desta programación, que non esquece porén outras épocas e xéneros, cunha especial atención á música contemporánea e á creación actual, fundamentalmente á de autoría galega.

La Magnificà Comunità
A liña de programación vinculada ao barroco e á música antiga iníciase xa no concerto inaugural (2 de xullo no Teatro Principal) con La Magnificà Comunità, agrupación liderada polo violinista italiano Enrico Casazza, que ofrecerá unha coidada escolma de La Cetra, unha colección de concertos de Vivaldi. O Salón Teatro acollerá tamén outras dúas citas imprescindibles co repertorio barroco: a interpretación integral da monumental serie de seis sonatas para violoncello de Bach, a cargo do cellista Jean-Guihen Queyras (4 de xullo), e a antoloxía de obras para clave a través da que o clavecinista Pierre Hantaï resumirá tres séculos de historia deste instrumento.
A música barroca protagonizará, ademais, a presentación do novo trío La Bellemont (6 de xullo na Zona "C"), mentres que a veneciana Barbara Strozzi, figura tan singular como excepcional na historia da música, será obxecto dun programa monográfico a cargo de dous músicos composteláns, a soprano Mercedes Hernández e o tiorbista Fernando Reyes (8 de xullo na Igrexa da Universidade).
Mención á parte merece a habitual cita de Via Stellae coa ópera barroca, que este ano presentará por primeira vez en Galicia a versión en concerto de Rodelinda, regina de'Longobardi, ópera de Haendel da man de Vespres d'Arnadí (10 de xullo no Teatro Principal). Programaranse, así mesmo, dous recitais líricos protagonizados por senllos especialistas de prestixio: o contratenor catalán Jordi Domènech (día 11 no Salón Teatro) e o tenor sevillano Juan Sancho (día 12 na Igrexa da Universidade).

Ross Daly (Imaxe: Alexis Glavas) / Iva Bittová
Música antiga e world music conviven no proxecto de Ross Daly, respectado músico irlandés que reside desde hai 35 anos na illa de Creta e que chega a Santiago para presentar o seu Labyrinth (11 de xullo na Igrexa da Universidade). Este concerto insírese na liña de programación que Via Stellae dedica á fusión e á busca de novas formas de expresión artística, obxectivo que se reflicte igualmente no diálogo do flamenco coa música barroca que se propón noutros dous concertos: o sevillano Fahmi Alqhai e a súa Accademia del Piacere compartirán escenario co cantaor flamenco Arcángel no espectáculo Las idas y las vueltas (5 de xullo no Teatro Principal), mentres que a guitarra barroca de Rafael Bonavita soará o día 9 na Zona C de Bonaval. Outra proposta que afonda na raíz popular da música culta é a que lidera a cantante galega Uxía, á fronte dun conxunto de músicos galegos, portugueses e brasileiros (9 de xullo no Teatro Principal).
En colaboración co Centro Checo de Madrid, Compostela acollerá o debut en Galicia de dous artistas procedentes da República Checa: a violinista e cantante Iva Bittová, cunha traxectoria de 25 anos dedicada ao que ela denomina o seu "folclore persoal", ofrecerá un programa no que conviven obras propias coas súas particulares lecturas de Mozart, Purcell, Rodgers e mesmo os Beatles (8 de xullo na Igrexa da Universidade) e Dan Bárta, considerado como o músico de jazz de maior proxección internacional do seu país, actuará xunto co Robert Balzar Trio o día 7 no Teatro Principal. Neste achegamento ao jazz, o festival mirará tamén cara á creación galega actual a través dos conxuntos comandados polo pianista Alberto Vilas e o contrabaixista Xacobe Martínez Antelo, que tocarán na Praza de Abastos os días 8 e 13, respectivamente.

Real Filharmonía de Galicia
As orquestras galegas volven ter unha destacada presenza en Via Stellae. Así, a Real Filharmonía de Galicia –con Maximino Zumalave á batuta– será a encargada de clausurar o festival cun programa dedicado á figura de Felix Mendelssohn, Soño dunha noite de verán incluído (13 de xullo no Auditorio de Galicia). Ademais, Víctor Pablo Pérez dirixirá a Orquestra Nova da Sinfónica de Galicia na interpretación de "clásicos populares" de Brahms, Bizet, Tchaikovski, Dvorak e Beethoven (5 de xullo no Auditorio de Galicia).
A música contemporánea e a creación galega actual contan tamén cunha sección específica que, baixo o título Via Stellae 20/21, ofrece no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) o programa Compositores na Academia de España en Roma de Ensemble s21 (3 de xullo), que inclúe a presentación en Galicia da Elektra do compostelán Fernando Buide, ademais de A gaita contemporánea, un paso máis (7 de xullo) do dúo de gaita e piano integrado por Paulo P. e Berta Fresco, que estreará unha obra de Jesús González.
Puntos de venda e prezos
As entradas están á venda na billeteira do Teatro Principal, que ata o 1 de xullo abre de martes a sábado, de 18.00 a 21.00 h, e durante o festival mantén
un horario especial: de 16.30 h ata a hora de inicio do concerto. As localidades para o Teatro Principal, Salón Teatro e Auditorio de Galicia poden adquirirse tamén a través da web de Novagalicia Banco.
Establécense diferentes prezos de entrada por espazo, agás no caso dos recitais da Igrexa da Universidade, que serán de entrada libre previa retirada de convite no despacho de billetes do Teatro Principal.
Máis información e programación detallada: www.compostelacapitalcultural.org





















