O profesional, polo Centro Dramático Galego

O Centro Dramático Galego (CDG) inaugura a súa temporada teatral 2012-2013 coa estrea o 5 de outubro no Salón Teatro de Santiago do espectáculo O profesional, primeira versión galega da obra do serbio Dusan Kovacevic. O responsable da compañía pública, Manuel Guede Oliva, dirixe esta nova proposta, que poñen en escena catro recoñecidos intérpretes galegos –Ernesto Chao, Miguel Pernas, Rebeca Montero e Rodrigo Roel– e para a que se conta coa colaboración da Companhia de Teatro de Braga como entidade coprodutora.

O espectáculo permanece na carteleira do Salón Teatro ata o 21 de outubro para ofrecer un total de 13 representacións dirixidas tanto a público escolar, en funcións matinais concertadas con institutos os mércores e xoves, como ao público xeral, de venres a domingo.

A continuación, O profesional emprenderá unha xira ata finais que se estenderá ata finais de ano por outros 11 escenarios de Galicia e Portugal: Tui (Teatro Municipal Área Panorámica, 26 e 27 de outubro), Vigo (Centro Cultural Novacaixagalicia Teatro, 30 e 31 de outubro), Ourense (Teatro Principal, 3 e 4 de novembro), Coimbra (Teatro da Cerca de São Bernardo, 8 e 9 de novembro), Braga (Theatro Circo, 13 e 14 de novembro), O Barco de Valdeorras (Teatro Municipal Lauro Olmo, 23 de novembro), Pontevedra (Centro Social Novacaixagalicia, 30 de novembro), A Coruña (Teatro Rosalía de Castro, 4 e 5 de decembro), Rianxo (Auditorio Municipal, 8 de decembro), Narón (Pazo da Cultura, 14 e 15 de decembro) e Ribadeo (Auditorio Municipal Hernán Naval, 23 de decembro).

Drama político con tinturas cómicas
No ano no que se conmemora o vinte aniversario do inicio oficial da guerra dos Balcáns, o Centro Dramático Galego incorpora por vez primeira ao seu repertorio un autor da antiga Iugoslavia a través dun drama político e policial, pero con grandes doses de comicidade e ironía.

Neste logrado equilibrio entre traxedia e comedia aséntase precisamente unha das claves polas que O profesional está considerada como a obra de maior éxito do dramaturgo, guionista de cinema e director Dusan Kovacevic (Mrdenovac, 1948), recoñecido á súa vez como unha das figuras máis destacadas da escena contemporánea europea pola actualidade dos temas que trata, a capacidade crítica e o tratamento humorístico da mentalidade do seu pobo.

  

Sinopse
O profesional está ambientada no Belgrado de 1990, dez anos despois da morte do mariscal Tito e pouco despois de que o Partido Comunista renunciase ao monopolio do goberno. A acción desenvólvese nun só acto, que transcorre no lapso de tempo dunhas breves horas durante as que Teodor Teja Kraj, un escritor e antigo disidente político convertido agora en director dunha editorial en bancarrota, recibe a visita de Luka Laban, ex policía da Seguridade Nacional que durante dúas décadas lle seguiu os pasos. Na versión do CDG, Miguel Pernas e Ernesto Chao dan vida aos que nunha época foron perseguido e perseguidor, pero que agora ven como os seus papeis se inverten nunha metáfora das grandes ambigüidades e contradicións da antiga Iugoslavia comunista e da historia recente de Serbia.

Rebeca Montero, como "a secretaria", e Rodrigo Roel Rodrigo Roel, como "o tolo", completan o elenco que leva a escena este texto actual e cheo de matices, que indaga na fraxilidade dos ideais e nas consecuencias dos totalitarismos, así como na grandeza e miseria do espírito humano. A escenografía, dominada por un gran estante de andeis nus e as lascas de cortiza que se estenden por todo o chan, reforza esa representación do baleiro e ruína moral como presaxio do terrible futuro que lle agarda ao país.

Máis información: www.centrodramatico.org