O florido pénsil
De Eme2 Producións
A Axencia Galega das Industrias Culturais patrocina o espectáculo O florido pénsil, o novo espectáculo da compañía Eme2 que interpretan Xosé Manuel Olveira "Pico", Antonio Durán "Morris", Federico Pérez, Josito Porto e Alfonso Agra, baixo a dirección escénica de Fernando Bernués e Mireia Gabilondo. Esta versión ao galego do popular texto de Andrés Sopeña, que contou tamén, para a súa estrea, coa colaboración do Centro Dramático Galego.
A adaptación escénica deste ensaio humorístico sobre o ensino no franquismo estreouse por vez primeira en 1996 e converteuse nun dos fenómenos teatrais dos últimos anos en España: máis de 3.000 funcións nas tres versións que se fixeron (castelán, catalán e euskera) e miles de espectadores mortos de risa coas vicisitudes dun grupo de rapaces sometidos ao sistema educativo da posguerra. A montaxe desenvolve desde o 1 agosto os ensaios no Salón Teatro, con todos os medios e recursos dispoñibles no espazo escénico do CDG.
A través dos seus protagonistas, en O florido pénsil descóbrese un fresco no que se suceden as tribunas desde as que o franquismo adoutrinaba á poboación: en primeiro lugar, a escola, centro de operacións para a propaganda do ideario fascista; máis tarde, o cinema de barrio, a radio familiar, a igrexa e a prensa, representada na montaxe por un aparentemente inofensivo tebeo. Pola obra pasan heroes das películas, mestres casposos, mozos máis ou menos espelidos, Roberto Alcázar, Matías Prats, Pedro Pablo Ayuso, Matilde Conesa o NO-DO, e os curas.
O espectáculo está representado por cinco actores adultos coa intención de que a súa distancia respecto dos personaxes infantís que interpretan sirva para peneirar as dúbidas, a incomprensión e, sobre todo, a perplexidade que xorde da aplicación da lóxica infantil á desmesura ideolóxica da educación do réxime.
O texto foi adaptado por Sandra Romarís, Xocas López e Emilio Cao para a súa posta en escena en galego, acomodándoo tamén ás especificidades da época en Galicia. Completan a ficha artística desta peza Fernando Bernués, quen se fixo cargo da escenografía; Pepi Soroiz, do vestiario, e Anxo Graña, das gravacións sonoras. Xabier Lozano asina a iluminación e Julio Perugorria exerceu como axudante de dirección.
Funcións 2011
Santiago de Compostela (Salón Teatro),
do 21 ao 25 de setembro
A Coruña (Teatro Rosalía Castro),
30 de setembro e 1 de outubro
As Pontes (Cine Alovi), 7 de outubro
Carballo (Pazo da Cultura), 15 de outubro
Vigo (Auditorio Municipal), 21 de outubro
Cangas (Auditorio Municipal), 22 de outubro
Narón (Pazo da Cultura), 29 de outubro
Tui (Área Panorámica), 4 de novembro
O Carballiño (Casa da Cultura), 19 de novembro
Ourense (Teatro Principal), do 25 ao 27 de novembro
Viveiro (Teatro Pastor Díaz), 3 de decembro
Pontevedra (Pazo da Cultura), 14 de decembro
Ames (Casa da Cultura do Milladoiro), 16 de decembro
Funcións 2012
Muros (Centro Cultural e Xuvenil), 14 de xaneiro
Vilagarcía de Arousa (Auditorio Municipal), 4 de febreiro
Pontevedra (Centro Social Novagalicia Banco), 10 e 11 de febreiro
O Barco de Valdeorras (Teatro Lauro Olmo), 17 de febreiro
Ferrol (Teatro Jofre), 18 de febreiro
Vigo (Centro Cultural Novagalicia Banco), 24 e 25 de febreiro
Oleiros (Auditorio Gabriel García Márquez), 3 de marzo
Santiago de Compostela (Teatro Principal), do 28 de marzo ao 1 de abril
Os cinco actores
Para levar ás táboas O florido pénsil, Eme2 reuniu a cinco dos mellores actores da escena galega. Xosé Manuel Olveira "Pico" é un dos rostros máis recoñecibles
da profesión, cunha vintena de montaxes CDG, innumerables espectáculos de teatro e a participación en series televisivas do éxito de Mareas vivasou o Padre Casares.
Pola súa banda, Antonio Durán "Morris" –o Cuñado de Pratos combinadose o Alcalde de Padre Casares, dous dos seriais de maior éxito da historia da televisión galega– conta tamén cunha destacada traxectoria escénica.
Federico Pérez, o máis novo do elenco, saltou á fama pola súa interpretación de Josito na serie Padre Casares, ademais de pola súa participación en películas como 18 comidas. Tamén coñecido polos seus traballos televisivos, nomeadamente en Pratos combinados, é Josito Porto, que conta cun María Casares por Sexismunda. Mentres, Alfonso Agra participou en numerosas montaxes teatrais desde os anos oitenta, media ducia de longametraxes cinematográficos e series televisivas da importancia de Libro de familia ou Mareas vivas.
Fernando Bernués e Mireia Gabilondo son unha polifacética parella de directores vinculados á compañía vasca Tanttaka Teatroa que, en conxunto ou por separado, teñen dirixido numerosas montaxes de xéneros ben distintos. Alén do teatro, Gabilondo destaca pola dirección dos espectáculos de danza da compañía Kukkai, renovadora da danza tradicional vasca. Bernués, pola súa banda, ten dirixido numerosas compañías e actores en todo o Estado. A súa relación con Galicia chega a través de Manuel Rivas, para quen realizaron a versión da novela A man dos paíños.
























