SeisdeCatro
De Sólodos, Pisando Ovos, La Macana e Quique Peón Cía
A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) coproduce o espectáculo coreográfico SeisdeCatro, que seis integrantes de catro compañías de danza galegas estrean en Galicia o 15 de outubro no Teatro Rosalía da Coruña. A montaxe, que realizou a súa primeira representación pública o pasado 30 de setembro no Teatro de la Danza de San José de Costa Rica, está promovida pola produtora Neodans, baixo a dirección artística de Erick Jiménez, e co apoio do Ministerio de Cultura y Juventud do país centroamericano.
O propio Jiménez, bailarín e coreógrafo natural de Costa Rica que leva realizando en Galicia os seus últimos traballos, interpreta SeisdeCatro xunto a Maruxa Salas, Rut Balbís, Alexis Fernández, Caterina Varela e Henrique Peón; o que supón a participación na creación e desenvolvemento do proxecto de catro das compañías galegas de danza con maior proxección na actualidade: Sólodos, Pisando Ovos, La Macana e Quique Peón Cía.

Foto: Adrián Arias (La Nación de Costa Rica)
O espectáculo, que se xestou nunha residencia de creación como premio do XXIV Certamen Coreográfico de Madrid, materializouse nunha proposta coreográfica sen fronteiras, que defende o intercambio e a posta en común entre os seus seis creadores como premisa fundamental, para despois continuar coa experiencia artística colectiva mediante a súa representación diante do público. Nos ensaios da semana previa á estrea participou tamén a Compañía Nacional de Danza de Costa Rica.
Como fío temático, Seisdecatro centra a súa atención nos planos da realidade e da fantasía e en distintos momentos cotidiáns que se poden combinar cun mundo irreal e co inicio de camiños inesperados. O colectivo creativo parte da aceptación de que os feitos son reais pero sempre teñen unha connotación fantástica, o que pode suceder porque non teñen explicación ou pola improbabilidade de que ocorran.

Foto: Adrián Arias (La Nación de Costa Rica)
A Axencia Galega das Industrias Culturais da Consellería de Cultura e Turismo participa economicamente neste proxecto, que ten colleitado tamén a colaboración de distintas institucións e entidades americanas, como son a Compañía Nacional de Danza Costa Rica, o Instituto Costarricense de Turismo ou a Plataforma Internacional Real.
Fucións:
- 30 de setembro de 2011, San José de Costa Rica (Teatro de la Danza)
- 15 de outubro de 2011, A Coruña (Teatro Rosalía Castro)
- 9 de decembro de 2011, Ourense (Teatro Principal)
- 10 de decembro de 2011, Pontevedra (Pazo da Cultura)
- 18 de decembro de 2011, Ferrol (Teatro Jofre)
- 27 de abril de 2012, Carballo (Pazo da Cultura)
























