O Centro Dramático Galego e o Centro Coreográfico Galego forman parte da estrutura da Agadic como unidades de produción e distribución de espectáculos propios, pero tamén como espazos dinamizadores da creación, a formación e a investigación no ámbito do teatro e a danza en Galicia. Ademais, ambos centros públicos suman esforzos na procura dunha maior proxección exterior da cultura galega, así como da fidelización e diversificación de públicos.

Centro Dramático Galego (CDG)

Unidade de produción teatral adscrita á Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais, o Centro Dramático Galego comezou a súa traxectoria en 1984 co obxectivo de contribuír á normalización e regularización da actividade teatral galega.

Nestes máis de 25 anos de historia, as principais liñas de programación do Centro seguiron varias direccións: recuperación dos nosos autores fundamentais, presenza dos dramaturgos galegos contemporáneos, incorporación á escena galega de grandes nomes da literatura dramática universal de todos os tempos, promoción do teatro infantil e proxección exterior do noso teatro, entre outras.

O sistema habitual de funcionamento da compañía é o concurso dun director de escena convidado xunto co elenco interpretativo e o equipo artístico que se contratan segundo as necesidades de cada unhas das producións. Nelas tamén se involucra un equipo técnico da Agadic (talleres, son e iluminación, estrutura escénica, tremoias, vestiario, etc.).

O CDG encárgase ademais da xestión do Salón Teatro de Santiago, único espazo de exhibición escénica de titularidade exclusiva da Xunta de Galicia. Nel a compañía pública desenvolve un amplo período de representacións con cada un dos seus novos espectáculos, ademais de elaborar unha programación escénica e musical continuada.

As últimas producións do Centro Dramático Galego son A ópera dos tres reás (2011), de Bertolt Brecht e Kurt Weill con dirección escénica de Quico Cadaval; Salomé (2010), de Oscar Wilde e dirixida por Carlos Santiago; As actas escuras (2009), obra de Roberto Vidal Bolaño que subía por primeira vez aos escenarios da man do director Xúlio Lago.

www.centrodramatico.org

Centro Coreográfico Galego (CCG)

Integrado na Axencia Galega das Industrias Culturais, o Centro Coreográfico Galego é un espazo público de creación, produción, formación e investigación para o desenvolvemento da danza.

Entre os seus obxectivos están o apoio á creación artística, á investigación e á formación dos profesionais das artes do movemento. Persegue tamén a diversificación das súas iniciativas, tanto temática como xeograficamente, así como tender pontes entre proxectos e institucións afíns e contribuír ao encontro da danza con outras disciplinas artísticas.

Na súa relación coa sociedade galega, o CCG desenvolve accións de sensibilización da cidadanía cara á danza, posicionándoa nun lugar preferente da vida cultural galega. 3Dtres (2011), con coreografías de Tony Fabre, Angel Rodríguez e Amaury Lebron, é a quinta produción do CCG, despois de Etheria, a viaxe soñada (2010), de Mercedes Suárez; Giseliña (2009), de Cisco Aznar; Kiosco das almas perdidas (2008), de Roberto Oliván; e Vacuo (2007), de Maruxa Salas.

Mercedes Suárez dirixe o CCG dende o ano 2010.

www.centrocoreografico.org