Proxección exterior
A estratexia da Axencia Galega das Industrias Culturais respecto á difusión e promoción exterior da cultura galega concrétase a través de diferentes iniciativas, articuladas en torno a dous eixos de acción prioritarios.
- Encontros internacionais
A Agadic, en colaboración con outras entidades e asociacións profesionais dos diferentes sectores culturais, promove a participación agrupada —a xeito de delegacións ou misións comerciais— de empresas e artistas galegos en encontros, feiras e festivais internacionais. A finalidade última é impulsar vías de acceso conxuntas a novos mercados de interese común para a industria cultural galega, empregando a marca Galicia como selo de creatividade e de calidade, ademais de como referente da convivencia entre tradición e vangarda.
Misións 2011
Mercado de Industrias Culturais Arxentinas (MICA)
Bos Aires, do 2 ao 5 de xuño
Un total de 11 empresas galegas dos ámbitos escénico, musical e audiovisual participaron no Mercado de Industrias Culturais Arxentinas (MICA) de Bos Aires, como integrantes da misión comercial internacional neste evento. A Axencia Galega das Industrias Culturais apoiou a presenza da delegación galega nas roldas de negocios que diariamente se desenvolveron no marco deste encontro, que por primeira vez organizou a Secretaría de Cultura da Nación xunto a outros tres ministerios. [+]
PrimaveraPro
Barcelona, do 26 ao 29 de maio
A música galega estivo amplamente representada no Primavera Sound, unha das principais citas do panorama independente a nivel internacional, a través dunha delegación artística e empresarial que viaxou a Barcelona grazas ao acordo subscrito entre a organización do festival e a Agadic, en colaboración coa Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM). [+]
- Axudas á distribución
Dentro da súa convocatoria anual de subvencións ás industrias culturais, a Agadic mantén un apartado especialmente dedicado á distribución exterior de bens e produtos de consumo cultural producidos por empresas e/ou compañías profesionais galegas. Nesta modalidade, inclúese tanto a distribución exterior de espectáculos escénicos e musicais, como o apoio ás empresas culturais galegas para a asistencia a feiras e mercados culturais.





















